Os casos de Covid-19 seguen disparándose na área sanitaria, con 19 novos positivos nun día e varios brotes
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés suma este mércores 26 de agosto un total de 165 casos activos de coronavirus e 960 pacientes curados. En total, en tan só 24 horas rexistráronse 19 novos positivos, aínda que tan só 18 casos activos máis porque un enfermo curouse.
Estas cifras sitúan ao área sanitaria en niveis de incidencia iguais aos do mes de maio, en pleno estado de alarma, aínda que con menores niveis de hospitalización. Este mércores hai tres pacientes nos hospitais da área, un en planta e dúas na unidade de coidados intensivos, os tres no Hospital Montecelo.
Os outros 162 casos activos son pacientes que evolucionan nos seus domicilios e entre eles hai varios que pertencen a algún dos brotes existentes na área sanitaria. Oficialmente, a Xerencia da área sanitaria non recoñece ningún brote e, desde o inicio da pandemia, tan só falou oficialmente dun de orixe familiar en Caldas de Reis, pero outras fontes consultadas apuntan a que si se produciron máis brotes no pasado e que na actualidade hai varios activos.
En concreto, hai constancia dun brote en Poio que afectou a un bar de Combarro que tivo que pechar tras ao positivo dunha traballadora, outro de orixe familiar en Bueu con polo menos dous pais e un fillo afectados e outro tamén de orixe familiar no Grove, con outros tres membros dunha mesma familiar e unha cuarta persoa infectada.
Así mesmo, rexistráronse contaxios nos xulgados de Pontevedra (dous) e hai tres traballadores da Deputación Provincial que deron positivo.
Segundo a información oficial da área sanitaria, nas últimas 24 horas realizáronse 294 probas PCRs, que se engaden ás 25.923 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Este mércores empezan a realizarse, ademais, test serolóxicos a profesores e traballadores da vendimia.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.798, 218 máis que o martes. Deles, 1.275 son da área da Coruña, 441 da de Lugo, 243 da de Ourense, 165 da de Pontevedra, 177 da área de Vigo, 382 da de Santiago, e 115 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 13 están en UCI, 84 en unidades de hospitalización e 2.701 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.086 persoas curadas, rexistrándose 633 falecementos.
O número de PCR realizadas en toda Galicia é de 312.766 e en total hai 99 usuarios e 39 profesionais de centros residenciais contaxiados.
Relacionadas:
-
A cifra de afectados de coronavirus segue crecendo: 16 novos contaxios e 179 casos activos na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Alfonso Rueda: "A situación é preocupante, por iso facemos unha chamada a extremar o cumprimento das normas"
Por Natalia Puga |
-
Comezan os cribados preventivos de Covid-19 a profesorado e temporeiros da vendima
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
Ascenden a tres os hospitalizados por Covid na área sanitaria tras unha xornada con 7 positivos e con 147 casos activos
Por Diego Espiño |