O Concello de Pontevedra comeza a acondicionar a contorna dos centros educativos para o inicio do curso
Por Redacción
Ante o inminente inicio do curso escolar, o Concello de Pontevedra poñerá en marcha o vindeiro luns 24 de agosto un dispositivo para acondicionar a contorna dos centros educativos.
Trátase dunha actuación dirixida a revisar as zonas lindeiras aos colexios co obxecto de acometer as reparacións que sexan necesarias para que estean en condicións óptimas de mantemento cando se produza o regreso dos alumnos ás aulas.
A revisión dará comezo na contorna do EEI Concepción Crespo Rivas, prestando especial atención ao paseo de Valle Inclán. Do mesmo xeito que no resto de actuacións contempladas no contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, os traballos centraranse sobre todo en arranxos de pavimento deteriorado ou que sexa susceptible de ocasionar algún tipo de risco por outros motivos.
Tamén se procederá ao arranxo de mobiliario e doutros elementos urbanos que poidan presentar algún tipo de dano.
O acondicionamento das zonas perimetrais aos centros educativos levará cabo durante as próximas semanas, segundo confirma o goberno local.