Veciñanza pide ao Goberno Local de Cuntis que interveña na conservación dos Pasos de Meira
Por Redacción
O grupo municipal de Veciñanza de Cuntis levará ao próximo pleno da corporación, vía moción, a conservación dos Pasos de Meira.
Este conxunto patrimonial, formado por ao redor de tres ducias de pedras, une as aldeas de Cardecide e Meira a través do leito do río Gallo.
Os pasos foron obxecto de restauración no ano 2012 no marco do proxecto Arredor da Auga, coordinado por Adega en colaboración coa Asociación Cultural O Fervedoiro e financiado con fondos europeos FEADER.
"Ao contar co investimento público, a necesidade de conservación supera a simple responsabilidade que atinxe ao patrimonio", sinala Veciñanza de Cuntis.
Segundo a formación nos últimos anos o Concello non realizou na zona intervencións de mantemento nin solicitou a Augas de Galicia, como autoridade competente, a súa implicación, o que provocou que varios dos pasos ao lado de Meira, xunto á depuradora, se atopen enterrados entre o lodo e a vexetación.