Os Bombeiros sufocan un incendio na estación de bombeo do Lérez
Por Diego Espiño
A estación de bombeo do Lérez, en Monte Porreiro, sufriu a última hora do venres un incendio no seu recinto.
En concreto, o lume declarouse ao redor das 22:20 horas da noite, estando localizado no cadro eléctrico de baixa tensión que dá servizo ás instalacións.
Os Bombeiros de Pontevedra desprazaron dúas unidades ao lugar, e aínda que algunhas testemuñas alertaban da espectacularidade do suceso nun primeiro momento, o incendio puido ser controlado con rapidez sen que se propagase polo resto do edificio.
Segundo confirman os servizos de emerxencia, o lume deixou inoperativas dúas bombas afectando o sistema de abastecemento de auga.
A incidencia quedou resolta en pouco máis dunha hora, abandonando o lugar tanto os Bombeiros como a Policía Local sobre as 23:30 horas da noite.