Cotobade loita contra o acoso dos incendiarios
Por Oskar Viéitez
Ninguén dubida da intencionalidade dos incendios forestais que nas últimas 24 horas acosaron os montes do concello de Cerdedo-Cotobade. Foron dez incendios nunha marxe de once horas.
A situación de alerta na que vive o municipio levou a que se actuase con rapidez e que a superficie queimada sexa mínima, segundo apunta a Consellería do Medio Rural.
Como evidencias desta intencionalidade en todos estes lumes basta con sinalar que cinco dos incendios iniciáronse en diferentes focos entre as 22 e as 23 horas do luns, e os outros cinco, tiveron lugar as 10 e as 11 da mañá deste martes. Ademais a maioría prendéronse en superficie arborada.
Seis deles rexistráronse na parroquia de Tenorio, dúas na de Almofrei, un en Carballedo e un en Borela. Todos están apagados.
O alcalde, Jorge Cubela, fixo un chamamento aos veciños para que se ven algo sospeitoso avisen ao Concello, ao 085, ao número do Seprona 062 ou ao número de teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade incendiaria (900 815 085).