Programa especial de limpeza de rúas e zonas verdes con motivo das festas patronais de Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis está a levar a cabo ao longo das últimas xornadas un programa especial de limpeza viaria e acondicionamento de espazos públicos e zonas verdes con motivo da celebracións das festas patronais que se desenvolverán do 14 ao 18 de agosto.
Aínda que as actuacións de limpeza e mantemento das diferentes rúas, parques e espazos urbanos se realiza de maneira rutinaria polos servizos municipais, co gallo das festas patronais estas actuacións intensificáronse nestes días co obxecto de que a vila presente o mellor estado posible para recibir a veciños e visitantes ao longo das celebracións.
As tarefas especiais consisten limpeza mediante baldeo e outros medios das principais rúas e prazas do casco urbano, así como no acondicionamento mediante segas e retirada de vexetación dos xardíns e zonas verdes.
RESTRICIÓNS AO ESTACIONAMENTO
O Concello de Cuntis aproveita para informar de que debido aos traballos de limpeza e acondicionamento especiais que se van efectuar, queda prohibida a parada e estacionamento de vehículos na rúa Circunvalación Don Aurelio a partir das 23.00 horas deste martes 11 de agosto, ata a finalización destes traballos prevista para o mércores.
O incumprimento desta prohibición levará parella a correspondente sanción administrativa.
O Concello de Cuntis prega desculpas polas molestias que se poidan ocasionar.