Dous meses retirando toneladas de algas na ría de Pontevedra para evitar a mortaldade das ameixas
Por Redacción
O de 2020 é un verán de altas temperaturas e de augas cálidas. Consecuencia? incremento de algas na ría de Pontevedra. Este fenómeno natural provoca que ameixas e berberechos experimenten un alto índice de mortaldade ao quedar asfixiados baixo estes organismos mariños.
A situación preocupa ao sector marisqueiro do fondo da ría. Iago Tomé, patrón maior da confraría de San Gregorio de Raxó, explica que levan todo o verán, desde hai dous meses, realizando limpeza destas algas cun barco pertencente ás tres confrarías de Pontevedra. "Lévannas remolcadas co rastro e coas cadenas e vanse rompendo", explica sinalando que, este ano, están a afectar aos bancos marisqueiros de embarcación, "Canto máis calor e máis alta temperatura da auga, máis crecen", apunta Tomé para xustificar as grandes cantidades que retiran.
O problema detéctase sobre todo na zona de Poio, desde Lourido ata Combarro. Alí, o barco recolle as plantas mariñas situadas nas proximidades aos bancos e despois trasládanas ao interior da ría en zonas alonxadas que non afecten o traballo de extracción do marisco. Tomé afirma que non pode realizar un cálculo exacto pero levan varias toneladas retiradas ao longo destes meses.
En esta ocasión, ademais do tradicional panelo, a alga verde habitual nas rías galegas, tamén se detectan especies que se instalan na area do litoral e que resulta máis difícil retiralas. "O panelo baixa e sube, pero o outro se enraiza e cada vez hai máis, e permanece ata que se pudre", aclara o representante das confrarías. Nos últimos días, un mergullador comprobou gravando na ría que a presenza destes organismos está a provocar unha elevada perda de ameixas. "Antes había unha empresa que as levaba para facer compost pero agora iso xa non se fai", explica o patrón maior de Raxó.
A próxima semana, os mariscadores en embarcación trasladaranse cara á zona de Lourizán a extraer marisco. Esa contorna atópase menos afectada polas algas e desta forma pretenden facer o menor dano posible aos bancos marisqueiros da beira de Poio. A solución, en todo caso, pasa porque se produza algún temporal que realice limpeza nas augas. Do contrario, seguirán tentando limpar co barco e con tractores as algas que afectan a súa produción: "mentres haxa non nos queda outra, porque é o noso sustento", recoñece Iago Tomé.