Denunciado o propietario de dous cans que mataron varios patos do parque de Costa Xiráldez
Por Redacción
A Policía Local de Poio tramitou unha denuncia contra un veciño de Lourido, na parroquia de San Salvador, por incumprir de xeito reiterado a Lei de Benestar Animal.
Trátase do propietario de dous cans que mataron a media ducia de parrulos que habitan na contorna do parque de Costa Xiráldez.
Segundo puido constatar o corpo de seguridade municipal, os cans atópanse nunha parcela próxima á zona, da que xa fuxiron en ocasións previas.
A Policía Local de Poio informou que este é o terceiro expediente que os axentes abren contra este suposto infractor, que se expón a unha multa que pode oscilar entre os 100 e os 500 euros.
A Policía Local lembra que a normativa vixente establece que as mascotas non poden andar soltas pola vía pública. Neste caso, o denunciado ten a obriga de poñer os medios axeitados para que os seus cans non fuxan da parcela, actuación que, polo que puideron comprobar os axentes, non levou a cabo, pese a ser advertido en varias ocasións.
A identificación do sospeitoso levouse a cabo grazas ao chip do que dispoñen os cans, que foi analizado pola policía despois do último ataque contra os patos, acontecido hai apenas uns días.
Relacionadas:
-
Máis parrulos para o estanque do Parque de Costa Xiráldez
Por Redacción |
-
RADIO.- Podcans axuda a resolver dúbidas na decisión de esterilizar ou non aos cans
Por Redacción |
-
Os parrulos xa teñen casa en Lourido
Por Redacción |
-
Rescatan unha familia de patos salvaxes que se 'refrescaban' nunha piscina da Caeira
Por Alejandro Espiño |