Sáldase sen feridos un aparatoso accidente entre un camión e un turismo en Barro
Por Redacción
Por sorte non se rexistraron feridos no aparatoso accidente que se rexistraba este luns ás 13.00 horas na Nacional 550, quilómetro 108, ao seu paso polo municipio de Barro. A esa hora, varios particulares alertaban ao servizo de Emerxencias do 112 Galicia debido ao impacto entre un camión de transportes e un turismo.
O accidente producíase no cruzamento situado na entrada a Curro en San Antoniño, na parroquia de Perdecanai, segundo o 112 Galicia. O suceso rexistrábase nun intento de incorporación á vía. As persoas que circulaban no turismo atopábanse moi nerviosas despois do impacto pero non sufrían danos de gravidade. O vehículo quedou esnaquizado na súa parte frontal ao impactar coa cabina do camión.
Ata o lugar desprazábanse efectivos de Urxencias Sanitarias, axentes da Garda Civil de Tráfico e tamén foron avisados os Bombeiros, Protección Civil de Barro e o servizo de mantemento de estrada para limpar os restos do vehículo que quedaron esparexidos pola N-550.