Caldas restaurará a Pontella de Segade deteriorada polas crecidas do Umia
Por Redacción
O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, anunciou que o Concello de Caldas de Reis traballa no proxecto que permitirá a rehabilitación completa da Pontella de Segade deteriorada polas crecidas do río Umia. Esta infraestrutura etnográfica singular protexida polo actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), sitúase no lugar de Segade de Abaixo, a escasos 500 metros do casco urbano de Caldas e é empregada de maneira frecuente por veciños e visitantes para cruzar o río neste punto.
Porén, o Concello acometerá unha intervención sobre a infraestrutura que suporá a súa restauración integral co obxecto de devolvela ás súas condicións orixinais e favorecer a súa conservación. Como informou Manuel González, esta actuación enmarcarase no plan municipal "Pontes de Caldas", un programa que tamén está levando a cabo actuacións previas de documentación, limpeza, control estrutural e de restauración para a Ponte Romana do Bermaña, á Ponte Romana de Segade ou á Ponte da Ferrería, entre outras.
Como paso previo á restauración integral da pontella de Segade, que crecidas do Umia fixeron ceder varios dinteis de apoio, o Concello iniciará nos próximos días unha actuación urxente para devolverlle a estabilidade ao conxunto. Estes traballos consistirán na reposición na súa cota orixinal do alicerce central para recuperar o nivel horizontal e que a cota de apoio dos dinteis de paso volvan á súa posición natural.
Toda esta reparación de urxencia acométese ao mesmo tempo que se pon en marcha o proceso de redacción do proxecto de restauración, que valorará a estabilidade xeral de todo o conxunto xunto á retirada de recrecidos de formigón que aparecen de forma case continua en todo o plano de paso e os rexuntados e interposición de pezas e morteiros impropios e estentóreos a este tipo de bens etnográficos que foron sumándose durante a segunda metade do século XX.
Doutra banda, o Concello vén de aprobar a contratación do levantamento topográfico, fotogramétrico e sobre o estado actual da pontella. Este estudo é necesario para obter a definición gráfica desta ponte histórica, xerando planos e unha ortoimaxe tridimensional mediante láser e escáner que servirá de base gráfica para o proxecto de restauración e para deixar documentado de xeito técnico o seu estado. O estudo será realizado pola empresa Topodel.
Manuel González puxo de relevo a importancia de recuperar esta infraestrutura tradicional tanto polo seu valor etnográfico e patrimonial como polo servizo que cumpre para os veciños e o seu atractivo como recurso turístico. Nesta liña, o edil reafirmou a aposta do Concello pola conservación e posta en valor das múltiples pontes presentes en Caldas de Reis a través do plan "Pontes de Caldas" que permitirá a rehabilitación dun bo número destas infraestruturas e, en xeral, do conxunto do patrimonio histórico do municipio.
Relacionadas:
-
Un estudo en 3D da Pontella de Segade será a base para a súa rehabilitación integral
Por Redacción |
-
Rematado con éxito o muro de Segade de Abaixo malia as dificultades do terreo
Por Redacción |
-
Caldas de Reis finaliza a reparación urxente da Pontella de Segade
Por Redacción |
-
Caldas de Reis proxecta a rehabilitación do lavadoiro do Umia
Por Oskar Viéitez |