Detido o responsable dunha plantación de marihuana 'indoor' nunha nave de Moraña
Por Redacción
A Garda Civil detivo a un veciño de Moraña como suposto responsable dunha plantación 'indoor' de marihuana que se localizou na nave dun almacén nesa localidade.
O detido é un veciño de Moraña de 56 anos de idade ao que se atribúe un delito contra a saúde pública, na súa modalidade de cultivo e elaboración de drogas e outro de defraudación de fluído eléctrico. Xa foi posto ao dispor do Xulgado de Garda de Caldas.
As investigacións iniciáronse cando a Garda Civil ten sospeitas das posibles actividades delituosas dun veciño de Moraña que o vinculaban con actividades relacionadas co tráfico e a elaboración de drogas. As xestións realizadas confirmaron as sospeitas e púidose localizar un almacén onde tiña instalada toda a infraestrutura dunha plantación 'indoor' de marihuana.
A Garda Civil realizou unha inspección da nave e a aprehensión preto de 1.000 plantas de cannabis sátiva (marihuana) así como todo tipo de instrumentos para o seu cultivo e elaboración como: substratos especiais, abonos químicos, materiais de osixenación, bombas de extracción de aire, mesturadoras de materia vexetal con materia química, sementeiros, etc.
Segundo destaca a Garda Civil, tiña unha perfecta organización do cultivo, atopándose seis estancias perfectamente diferenciadas nas que se organizaban as plantas por tamaños, estados de floración, produción e un habitáculo destinado ao secado da droga.
Durante o rexistro púidose detectar que esta persoa puidese estar implicada nunha defraudación de fluído eléctrico coa cal lograse o abastecemento de enerxía de maneira fraudulenta para o seu labor delituoso.
As investigacións, que se desenvolveron no marco da denominada operación 'Máquina', encabezounas a patrulla Fiscal de Vilagarcía de Arousa contou con laa colaboración dos postos de Caldas de Reis, Valga e o Equipo de Investigación de Vilagarcía.