O concelleiro de Cultura de Vilagarcía renuncia ao cargo tras unha xestión marcada pola polémica
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, convocou á prensa para as 13:30 horas para comunicar a renuncia de Francisco González do seu cargo como concelleiro de Cultura. Esta marcha supoñerá unha reestruturación do grupo de goberno municipal. Á rolda de prensa para explicar a renuncia asistirán tamén o propio edil de Cultura e a portavoz do goberno municipal, Rocío Llovo.
A portavoz socialista, Tania García, acusárao de malversar fondos públicos por ingresar máis de 4.000 euros na asociación Dobre Espacio que estaba presidida polo edil sen que se tivese realizado a actividade. Tamén se lle acusa de que esta asociación cobrou cartos públicos da Xunta por unha actividade "fantasma", o Feirón, que non consta que se chegara a realizar.
Os tres grupos da oposición xa reclamaran, a finais de maio, a renuncia de Francisco González, un concelleiro que durante o seu mandato estivo marcado pola polémica tras a súa decisión de establecer un canon polo uso das instalacións culturais pertencentes ao Concello. O pleno no que se aprobou a medida contou con momentos de tensión protagonizados por membros de distintos colectivos culturais que protestaron ante a medida.