Dimite o concelleiro de Cultura de Vilagarcía para evitar que "danen o goberno a través de afundir a unha persoa"
Por Redacción & Aitana Vidal
O "desgaste persoal" que lle supuxeron as "falsas acusacións" do PSOE local, son algunhas das razóns esgrimidas por Francisco González para renunciar á súa acta de concelleiro no Concello de Vilagarcía. Francisco González dimite porque unhas "actividades anteriores" á súa etapa de concelleiro estaba sendo utilizada como "arma arroxadiza" para realizar "ataques furibundos" contra o goberno local, "ás veces rozando o miserable".
Dende as filas socialistas denunciaran que a asociación xuvenil Dobre Espazo que presidía González cobrou en 2011 unha subvención de máis 4.500 euros pola celebración do Feirón Solidario, un acto que, segundo este partido, "non se celebrou" e que González defende que si tivo lugar.
"Sinto que teño que botarme un lado para que non se siga facendo dano ao concello, ao Grupo, ao alcalde e á miña familia ante tanto ataque inxustificado", dixo este martes nunha comparecencia de prensa acompañado do alcalde, Tomás Fole, que recoñeceu que González lle comunicara a súa intención de renunciar "hai tempo" pero entón "non era o mellor momento" para unha "decisión tan drástica", que, segundo Fole, este "adoptou persoalmente".
Segundo Francisco González, as denuncias reiteradas do Grupo Municipal Socialista sobre un presunto delito de apropiación indebida de diñeiro público, "non se puideron probar", aínda que recoñeceu que neste asunto "houbo un expediente mal xustificado pola Asociación, pero xa o aclarei ante a Xunta".
Non obstante, González, que xa nada ten que ver con esa organización, asegurou que se ía devolver a subvención de forma voluntaria "porque xa chega de acusacións non probadas sobre máis persoas".
Manuel Méndez, número 14 da lista electoral, ocupará o seu posto. Non obstante, da Concellaría de Cultura ocuparase a voceira Rocío Llovo, mentres Sandra García de Xuventude e Voluntariado.
Dáse a circunstancia de que González Mariño chegou á corporación municipal substituíndo a Luís Garrigós, concelleiro de Deportes que tamén presentou a súa dimisión.