A artista Lidia Cao crea un mural a favor da igualdade na fachada do pavillón de Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, estivo presente este xoves na penúltima xornada de traballo da artista Lidia Cao que está a pintar un mural co fío condutor da reivindicación da igualdade na fachada do pavillón deportivo do Centro Príncipe Felipe, no que tamén colaboraron nenos deste centro dependente da administración provincial.
O mural ten 30 metros de longo e 6 de alto e, segundo dixo Carmela Silva "vai quedar como unha proba indeleble da nosa loita pola igualdade".
A presidenta provincial destacou a Lidia Cao como "unha das mulleres máis representativas da arte urbana mural, con moita obra en moitos lugares" e sinalou que amais de visibilizar a través dela o arte con nome de muller, "queriamos facer aquí en Príncipe Felipe un mural onde se amosara con toda a claridade a necesidade urxente de acadar a igualdade".
Silva lembrou que neste intre o pavillón está sen actividade por mor da Covid-19, "pero é unha instalación con moito movemento".
O mural, no que predominan as diferentes tonalidades de azuis e ocres, amosa nos seus extremos os retratos dun home e unha muller de diferente cultura. No medio da composición, figuran dúas mans entrelazadas representando a súa unión e, dentro dese entrelazado das mans, saen proxectadas distintas formas orgánicas, que precisamente foron o obxecto de interpretación por parte dos nenos que participaron no pintado.
Segundo explicou Lidia Cao o seu propósito e tratar a igualdade "en todos os sentidos, tanto o tema das diferentes culturas como clases sociais" e integrou a creatividade dos nenos facendo "que representaran á súa maneira con estas formas orgánicas e abstractas, conceptos como o respecto, a tolerancia, e todo o que vai ligado á igualdade".
A artista destacou que nunca impartira un taller con rapazada e "foi unha gran experiencia" porque "aprendes moito deles só vendo como traballan, ou só con velos falar", dixo.
Relacionadas:
-
O Centro Príncipe Felipe, preparado para a volta ás aulas coas esixencias da COVID19
Por Redacción |
-
'Mulleres en Acción. Violencia Zero' regresa en Marín cun berro contra a violencia machista
Por Redacción |
-
A Deputación elaborará un informe alertando do temor a que as mulleres volvan quedar invisibilizadas tras o teletraballo
Por Redacción |