O TSXG ratifica a condena á Deputación a concederlle a Sanxenxo unha axuda para mellorar a contorna do CEIP Portonovo
Por Redacción
Os tribunais volveron a apoiar ao Concello de Sanxenxo na disputa coa Deputación de Pontevedra para que lle conceda unha subvención para a remodelación integral e mellora da mobilidade e a seguridade viaria na contorna do CEIP Portonovo.
Os feitos en cuestión remóntanse ao ano 2018, cando a administración provincial excluíu a Sanxenxo dunha convocatoria pública. Naquel momento a presidenta provincial defendeu que a decisión de denegar a subvención ao Concello de Sanxenxo foi exclusivamente técnica negando calquera tipo de inxerencia política.
Sexa como for o caso terminou nos tribunais, e o Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra terminou dando a razón en primeira instancia ao Concello.
Agora, tras o recurso presentado, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificou o fallo incidindo en que o goberno municipal tiña emendado "a documentación requirida dentro do prazo concedido pola propia administración" polo que antes da valoración técnica "Sanxenxo xa cumpría cos requisitos formais necesario para poder concorrer ao proceso de outorgamento de subvencións", explica o Concello.
O alto tribunal obriga á Deputación de Pontevedra a retrotraer o expediente administrativo ao momento inmediatamente anterior ao da resolución anulada. Isto supón que a administración provincial deberá conservar, entre outros trámites, a valoración dos proxectos realizada pola comisión de expertos e outorgarlle finalmente ao Concello de Sanxenxo a subvención que corresponda, conforme ás bases da convocatoria, e que podería alcanzar ata 500.000 euros.
O proxecto de mellora da mobilidade e a seguridade viaria está valorado en 830.000 euros e consiste na humanización da contorna do colexio, o mercado e o parque do Espiñeiro, unha zona concorrida por veciños e visitantes na que se concentra boa parte da actividade comercial da vila. Ademais preténdese mellorar e ampliar as beirarrúas e a reordenación do aparcamento do mercado e da mobilidade.
A sentenza non é firme, polo que a Deputación ten a opción de interpoñer un recurso de casación ante o Tribunal Supremo. En caso de non facelo o órgano provincial dispoñería de dous meses para executalo.