Un novo positivo e un paciente curado máis, balance do coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense nos nove casos activos de coronavirus este luns 20 de xullo, o mesmo número que o domingo, pero nas últimas 24 horas contabilizouse un positivo máis, que se compensou cun paciente curado.
Así, desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 902 pacientes, un máis desde este domingo, segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde.
No caso dos pacientes con positivo, continúan en nove por esa curación e todos están en seguimento domiciliario, illados e coa súa evolución baixo vixilancia dos profesionais sanitarios.
A área sanitaria continúa libre de Covid-19 nos seus hospitais, pois este domingo 19 de xullo non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 202, cinco menos que os 207 contabilizados o domingo. Deles, 27 son da área da Coruña, 136 da de Lugo, 5 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 17 da área de Vigo, 8 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 195 no domicilio, non habendo ningún en UCI. Por agora, en Galicia hai un total de 11.082 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 234.266 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 202 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Repunte de casos de Covid na área sanitaria, con 4 positivos rexistrados nas últimas horas e 11 casos activos
Por Diego Espiño |
-
Sen cambios na situación epidemiolóxica da área sanitaria: nove casos activos en seguimento domiciliario
Por Natalia Puga |
-
Sen cambios na incidencia do coronavirus na área sanitaria: nove positivos e ningún no hospital
Por Natalia Puga |