Sen cambios na incidencia do coronavirus na área sanitaria: nove positivos e ningún no hospital
Por Natalia Puga
O domingo chega sen cambios na incidencia do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Contabilízanse nove casos activos, os mesmos que o sábado, e todos en seguimento domiciliario.
Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, a área sanitaria continúa libre de Covid-19 nos seus hospitais, pois este domingo 19 de xullo non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 901 pacientes, ningún na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 207, once menos que os 218 contabilizados o sábado. Deles 30 son da área da Coruña, 139 da de Lugo, 5 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 17 da área de Vigo, 7 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 8 están en unidades de hospitalización e 199 no domicilio, non habendo ningún en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.070 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 233.015 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 207 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.