Sindicatos alertan da "difícil" situación de Urxencias de Montecelo: menos persoal e sen cubrir baixas
Por Redacción
Os sindicatos PROSAGAP, CESM e Co.Bas denunciaron este sábado a "difícil situación" na que se atopan os traballadores do servizo de Urxencias do Hospital Montecelo, onde, desde hai algunhas semanas están, "unha vez máis, con déficit de persoal".
Segundo alertan, hai unha enfermeira menos en cada quenda e, en ocasións, tamén unha auxiliar de enfermería (TCAE) menos debido a que non se contratou persoal substituto para dúas ausencias producidas por baixa por enfermidade e tampouco se cobren ausencias producidas por outro tipo de permisos.
Estes sindicatos sosteñen que esta mesma semana, o 16 de xullo, nunha reunión da Comisión de Centro de Atención Hospitalaria, a Xerencia da área sanitaria sinalou "de maneira rotunda" que xa non había ningunha baixa pendente de cubrir e todos os problemas estaban arranxados. Con todo, este venres 17, comprobaron no propio servizo que a situación "está lonxe de estar arranxada".
Este sábado, por exemplo, na quenda de mañá había unha enfermeira e unha TCAE menos e os sindicatos sosteñen que a falta de persoal se repetirá durante toda esta fin de semana.
Os sindicatos sosteñen que os profesionais de Enfermería e Medicina son categorías "deficitarias" todo o ano debido a unha "nefasta xestión" de recursos humanos durante os últimos anos e que este verán a situación de auxiliares de enfermería empeza a ser similar.
Ademais, denuncian a situación vivida no centro de saúde de Moraña a semana pasada. O centro ten unha dotación de tres médicos de familia, pero viuse sen ningún durante varias horas porque o período vacacional dun deles non se cubriu e xurdiron dúas ausencias máis, de maneira que se atoparon con que xa non había ningún médico dispoñible.
Tamén o Punto de Atención Continuada (Pac) de Caldas este venres volveu vivir situacións como as vividas o verán pasado, pois faltou un médico dos dous que teñen que estar.