Revitaliza ofrecerá actividades sobre compostaxe en obradoiros e campamentos de verán
Por Redacción
O Revitaliza da Deputación de Pontevedra vén de ofrecer aos concellos adheridos ao plan a posibilidade de realizar actividades educativas sobre compostaxe destinadas a nenas e nenos nos meses de verán.
Nestes momentos están confirmadas actividades nos concellos de Cambados, Bueu, Vila de Cruces, Gondomar e Portas, que se iniciarán o vindeiro 29 de xullo en Cambados para grupos de entre 4 e 11 anos coa actividade 'Quen vive aí?'.
Segundo explica o deputado responsable do Revitaliza, Uxío Benítez, a situación vivida co COVID-19 provocou unha paralización temporal das actividades programadas pola Deputación e o CEIDA para todos os colectivos e os colexios da provincia. Sen embargo, coñecedores de que moitos municipios poderían realizar actividades para nenas e nenos durante o verán (campamentos urbanos, obradoiros, xornadas divulgativas), ofreceuse a colaboración do Revitaliza para as e os participantes.
Todos os concellos que estean adheridos ao Plan Revitaliza teñen dereito á realización destas actividades de xeito totalmente gratuíto. O contido das actuacións será mixto, cunha pequena parte teórica e outra práctica, traballando nos distintos aspectos da compostaxe dunha maneira lúdica aproveitando o período vacacional, sempre en grupos reducidos (entre 8 e 10 crianzas), para acadar a seguridade necesaria segundo o establecido polas autoridades sanitarias e escolares.
A duración das actividades será de entre 60 e 90 minutos. En xeral, a equipa educativa do CEIDA poderá adaptarse ás diferentes necesidades de cada concello, se ben as actividades están destinadas a nenas e nenos de Primaria (e Secundaria no caso de non cubrir todas as datas). Tamén está aberta a posibilidade de actividades para grupos familiares no caso de que os concellos as oferten.
Entre os obradoiros a disposición dos concellos están os xa coñecidos 'Xogo da miñoca', 'Quen vive aí?', 'Microcompostaxe', charlas sobre a compostaxe e visitas aos composteiros comunitarios en función da dispoñibilidade das e dos mestres composteiros de cada localidade. O número máximo de actividades a realizar estará suxeita á dispoñibilidade e en función da demanda do programa. As solicitudes dos concellos poden facerse cubrindo o formulario colgado na web revitaliza.depo.gal (onde se poden consultar máis datos) e enviándoo a revitalizapontevedra@gmail.com.
Relacionadas:
-
Clase práctica sobre compostaxe para dez alumnas na busca de emprego
Por Redacción |
-
Illa de Príncipe dedicará dous meses a formarse en compostaxe vendo exemplos na provincia
Por Redacción |
-
A carpa do Revitaliza chega a Bueu para informar sobre compostaxe doméstica e comunitaria
Por Redacción |
-
Estudan ampliar os centros de compostaxe de Campolongo tras un "espectacular arranque" do servizo
Por Redacción |
-
Os contedores marróns do centro histórico só se colocarán de noite
Por Alejandro Espiño |
-
A fundación chinesa que visitou Pontevedra polo Plan Revitaliza doa material de protección á Deputación
Por Redacción |