A CGT acusa a Renfe de non desinfectar os trens entre A Coruña e Vigo despois de cada viaxe
Por Redacción
O sindicato CGT denunciou ante Renfe que os trens de Media Distancia que cobren o traxecto entre Vigo-Coruña-Vigo polo eixo atlántico de velocidade alta non se desinfectan tras cada viaxe. Desta forma, incumpren os protocolos de limpeza e desinfección que Renfe-Viaxeiros estableceu tras o estado de alarma, sinalan estes representantes dos traballadores.
A causa desta falta de esterilización dos vagóns atópase, segundo este sindicato, na rotación de vehículos ferroviarios que cobren os distintos servizos que se manteñen en circulación. Aseguran que non existe tempo material para realizar esta desinfección polo persoal de limpeza.
Poñen como exemplo o tren 09073, que sae da Coruña ás 7:00 hs. e chega ás 8:33 hs. a Vigo, volve saír ás 8:50 hs. para A Coruña. Nese espazo de tempo, afirman desde a CGT que é imposible realizar o protocolo de limpeza e desinfección establecido por RENFE-Viaxeiro. E esta mesma situación prodúcese co tren 09072, que percorre Vigo-A Coruña con regreso despois a Vigo, entre as 06.40 horas e as 09.00 horas.
A queixa tamén afecta os trens durante a fin de semana. Sinalan que as salas de viaxeiros e os baños tampouco son desinfectados tras cada viaxe. No escrito emitido pola CGT ndican que a empresa encarga esa función a un só traballador por quenda e que resulta imposible que poida desenvolver ese labor.
A CGT anuncia que acudirá á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para denunciar esta irregularidade, despois de que as direccións territoriais de Renfe e Adif en Galicia evitasen corrixir o problema.
Relacionadas:
-
Renfe 'deixa en terra' a ducias de pasaxeiros ao circular os trens cheos e con menos frecuencias
Por Alejandro Espiño |
-
"Máxima preocupación" en Galicia polo recorte nas frecuencias dos trens
Por Redacción |
-
O positivo por Covid-19 dun médico activa o protocolo para rastrexar contactos e desinfectar o centro de saúde de Baltar
Por Natalia Puga |