Wifi aberto e de balde para todos en varios puntos de Marín
Por Redacción
A Alameda, o parque Eguren e a finca de Briz de Marín contan cunha nova opción de conectividade web pola que toda a veciñanza ten acceso a wifi aberto e de balde.
Esta conexión wifi habilitouse estes días grazas ao impulso por parte da Unión Europea da iniciativa WIFI4EU, coa que se axuda á prestación deste servizo de maneira gratuíta en espazos públicos interiores ou exteriores, entre outras medidas.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías de Marín, Hugo González, deu a coñecer este martes a iniciativa e explicou que para poder conectarse non é necesario descargar ningún tipo de aplicación. Basta tan só con aceptar os termos de uso da rede.
Hugo González explicou que a implantación desta rede wigi busca impulsar a conectividade das persoas fóra do fogar, especialmente nunha época que debido á crise da Covid19, as ferramentas dixitais, como as cartas a través de códigos QR, son completamente indispensables para manter as medidas de hixiene, necesitando deste tipo de redes públicas para a súa consulta
A instalación desta rede correu a cargo de Movistar, dentro dos requisitos solicitados pola Unión Europea buscando unha experiencia de gran calidade para o usuario cunha velocidade mínima de descarga de 30 Mbps.