Poio apremia a Portos de Galicia para que autorice o proxecto para aumentar os aparcadoiros en Combarro
Por Redacción
O Concello de Poio insta a Portos de Galicia a que dea o visto e prace para aplicar o plan de tráfico deseñado para dotar ao porto de Combarro de prazas de aparcamento para veciños que residan no núcleo histórico da parroquia.
Así, desde o Concello lembran que continúan pendentes de recibir por parte de Portos de Galicia o seu visto bo e que se trata dunha iniciativa a través da cal o Goberno local tamén busca ampliar o número de espazos para estacionar destinados a outros residentes na vila e visitantes.
A Administración local remitiu toda a documentación do proxecto á Xunta nunha reunión que tivo lugar a finais de outubro de 2019 e de momento non se recibiu unha reposta pola súa parte, de maneira que a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, apremia unha resposta e fai fincapé na necesidade de reactivar o convenio para permitir os estacionamentos de vehículos no recinto portuario.
Caldas insiste en que se Portos non está interesado en que se poida impulsar este proxecto, "non teremos máis remedio que aceptalo", pero ten que haber un diálogo previo, sobre todo cando o Concello de Poio si cumpriu coa súa parte, "fixo os deberes presentando en tempo e forma esta proposta".
"Xa nos atopamos en plena temporada estival e non podemos tomar as medidas necesarias para aplicar esta medida, moi necesaria e demandada pola veciñanza, porque Portos segue sen pronunciarse, algo que nos sorprende moito, habida conta que se trata dunha fórmula que non require de ningunha obra nin actuación complexa previa”, indica.
O Concello contempla ofrecer ata 40 prazas exclusivas para residentes na avenida Francisco Regalado, que conecta a Praza da Chousa co peirao da Canteira. Ademais, a zona na que actualmente estacionan os autobuses pasará a ser destinada a turismos, cunha capacidade para acoller a 80 automóbiles. Os buses, pola súa banda, contarán cunha parada rotatoria, na que poderán permanecer durante 15 minutos, que se empraza á marxe dereita da entrada ao espigón do peirao.