Rueda incide na importancia das medidas do plan "Galicia, destino seguro"
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou este xoves que a Xunta lanzou o programa "Galicia, destino seguro" cunha batería de accións para apoiar ao sector turístico, que vai dende manuais por sectores cos requisitos e recomendacións ata un Plan de formación específico en prevención da covid-19 e asesoramento e financiamento en materia de seguridade sanitaria.
Alfonso Rueda visitou o hotel-cámping Arco Iris, na praia de Terrón de Vilanova de Arousa, acompañado polo seu alcalde, Gonzalo Durán, onde tamén fixo fincapé na posta en marcha do Plan de Praias polo que a Xunta colabora cos concellos para facer fronte ás dificultades adicionais xeradas polas medidas de prevención da covid-19. Vilanova de Arousa é un dos concellos que solicitou as axudas como potencial beneficiario.
Grazas a este plan de apoio os concellos van poder reforzar o persoal destinado a organización e vixilancia de accesos, ao control de aforos ou da permanencia nos areais, ademais do dedicado aos labores de limpeza. Tamén con axudas para sufragar maquinaria, vehículos, elementos de sinalización e outros medios necesarios para a limpeza tanto dos areais como das instalacións comúns ou da recollida de residuos.
Nesta liña, Alfonso Rueda indicou que os galegos contamos cun sector turístico comprometido e con valor engadido. "Ademais de seguir sendo un destino moi atractivo porque temos un sector turístico dinámico, temos a mellor materia prima, as nosa paisaxes, as nosas praias, a nosa gastronomía e a nosa cultura. En definitiva, seguimos traballando e facémolo da man dos concellos", rematou o vicepresidente.