ENCE pide desculpas polo seu "episodio oloroso" pero asegura que non supuxo "ningún risco" para a cidadanía
Por Redacción
Unha avaría eléctrica nun motor da caldeira de recuperación do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra é a causa do "incremento anormal do impacto oloroso da factoría". Así describen desde a empresa o incidente ocorrido onte á noite, que segundo a compañía foi solucionado en menos dunha hora "grazas os sistemas de control implantados" no complexo industrial.
Nun comunicado de prensa, a empresa pide desculpas á cidadanía polas molestias que puido causar este incidente e resalta que "en ningún momento superáronse os límites ambientais legais establecidos e en ningún caso afectou á saúde das persoas, como o evidencia o feito de que ningunha das catro cabinas de inmisión que miden a calidade do aire na cidade rexistrou valores superiores aos permitidos".
Ence, continúa dito comunicado, "seguirá traballando para erradicar os impactos olorosos da súa fábrica", aspecto do seu funcionamento no que asegura estar centrada, ao recordar que se están efectuando investimentos próximos aos 4 millóns para a súa completa eliminación.
Segundo explican desde a empresa, a caldeira de recuperación da fábrica trata principalmente a lignina da madeira e a sosa empregada na cocción. A empresa está investigando se esa avaría pode ter relación cos cheiros detectados este domingo polos veciños da rúa Juan Carlos I.
O motor danado foi substituído, aclaran desde Ence, e a factoría continúa operando con normalidade.
Relacionadas:
-
Veciños de Pontevedra quéixanse dun novo escape en ENCE e a empresa négao
Por Anxo Lourido |
-
Estudan expedientar a ENCE pola "fuga de gases" que provocou problemas respiratorios na cidade
Por Alejandro Espiño |
-
Un incidente nunha caldeira de ENCE provoca irritacións respiratorias en veciños da Parda e Juan Carlos I
Por Alejandro Espiño |