Galicia reafirma o seu compromiso coa prevención dos accidentes de tráfico
Por Redacción
A seguridade viaria é unha prioridade para o Goberno autonómico. As medidas de control das estradas intensifícanse durante os meses de verán e coincidindo con pontes festivas e vacacións, cando se rexistra un maior número de desprazamentos. Mais este ano, as circunstancias da epidemia do coronavirus provocaron un cambio nos hábitos dos condutores e o tipo de desprazamento.
Na actual crise sanitaria, e debido ás medidas de confinamento, as accións relativas á seguridade viaria mudaron o seu calendario. Desde a Xunta de Galicia estúdase como regular a chamada volta á normalidade para que a seguridade nas estradas estea garantida e tratar de paliar a suba previsible dos accidentes de tráfico por mor do aumento dos vehículos en circulación. Un empeño desde o Goberno autonómico no que se quere implicar a toda a cidadanía.
Por este motivo, a Xunta está a difundir unha serie de recomendacións para contribuír á seguridade de todos, incidindo nos principais usuarios das estradas e camiños, como son os condutores e os peóns.
ATENCIÓN ÁS DISTRACCIÓNS AO VOLANTE
Os accidentes de tráfico están provocados por unha suma de causas, xa que entran en xogo diversos elementos como son os condutores, os peóns, os vehículos, as estradas e diversas circunstancias ambientais. Con todo, a Dirección Xeral de Tráfico indica que é posible afirmar que os factores de risco máis importantes están relacionados co factor humano.
O uso de teléfonos ao volante reduciuse nos últimos anos debido ao risco de multa e perda de puntos do carné de conducir. Con todo, os expertos alertan da necesidade de concienciar aos condutores para ter un uso axeitado dos dispositivos móbiles para "mans libres".
Aínda que se trata dun gadget de uso legal mentres se conduce, xa que non interveñen as mans nin precisan conectar auriculares, as autoridades recomendan non manter conversas a través deste dispositivo mentres se conduce.
E é que diferentes estudos constatan que máis de tres minutos falando co "mans libres" provocan que o condutor deixe de percibir o 40% dos sinais de tráfico, reduza a súa velocidade de cruceiro e diminúa a súa velocidade de reacción ante un imprevisto.
A IMPORTANCIA DE PARAR O COCHE
Outro dos puntos no que os condutores deben tomar conciencia é en aquelas situacións habituais mentres se conduce que requiren a nosa atención e ás que restamos importancia, tales como mirar aos nenos sentados nos asentos traseiros, buscar obxectos no bolso, fumar, manipular a radio ou o GPS, comer ou beber.
Para estes casos, recoméndase parar o vehículo uns intres nunha zona segura e poñer en orde calquera elemento que poida afectar á condución. Este consello aplícase tamén a eses momentos en que sentimos que a falta de sono ou a fatiga están a provocar unha perda de atención, outro factor presente en infinidade de accidentes.
Nos supostos nos que é necesario saír do coche xunto dunha vía de circulación, sempre hai que facelo de tal xeito que sexamos visibles para o resto de condutores e garantindo a nosa seguridade. O chaleco, nestes casos, é un elemento de uso obrigado.
A Xunta de Galicia segue a traballar en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico na repartición de chalecos reflectores e na concienciación cidadá sobre o uso destas pezas de alta visibilidade. Unha das preocupacións das autoridades refírese ao número de atropelos de persoas que abandonan o seu coche avariado ou accidentado sen portar o chaleco reflector.
Para iso incídese na importancia de que os condutores teñan o chaleco dentro do habitáculo do vehículo, nunha zona de fácil acceso, e nunca gardalo no maleteiro. Tamén se aconsella levar polo menos un segundo chaleco, para que calquera persoa que abandone o coche sexa perfectamente visible para o resto de vehículos en circulación e evitar así atropelos.
A SEGURIDADE DOS PEÓNS E DEPORTISTAS
Tamén desde a Xunta hai un especial empeño en garantir que todas as persoas que camiñen ou fagan deporte por unha zona habilitada para o uso de vehículos fagan uso dos chalecos ou cortaventos reflectores, especialmente en horario nocturno.
Estas accións están a ter moita repercusión nos colectivos veciñais ou nas agrupacións deportivas, especialmente os clubs ciclistas, pero nunca está de máis intensificar este esforzo de concienciación para que chegue a todos os sectores, especialmente á xente que vive en lugares coa poboación dispersa e menos intensidade de tráfico, o que pode levarlles a ter unha menor percepción de perigo.
Desde a Xunta lembran que ao saír a camiñar, correr ou andar en bicicleta, os elementos reflectores son fundamentais para asegurar a visibilidade ante os coches, pero tamén facer os desprazamentos nun marco de seguridade, movéndonos polo espazo axeitado para estas prácticas, sen invadir a calzada.
Deste xeito estamos minimizando a posibilidade dun sinistro e protexéndonos como usuarios vulnerables das vías. Para facilitar esta tarefa, cómpre ter en conta que moitas estradas autonómicas dispoñen de sendas peonís e ciclistas que executou a Xunta co obxectivo de facilitar a mobilidade dos cidadáns en condicións máis cómodas e seguras.