Balón de osíxeno da Deputación ao Marisco do Grove, o Albariño de Cambados e a Auga de Vilagarcía
Por Redacción
Pontevedra ten actualmente dez festas de interese turístico nacional e internacional. Dúas delas, o Cocido de Lalín e a Arribada de Baiona, celebráronse antes do estado de alarma. Pero o resto, entre elas o Marisco do Grove, o Albariño de Cambados ou a auga de Vilagarcía, quedaron nunha delicada situación e, probablemente, teñan que cancelarse.
Por iso, desde a Deputación de Pontevedra garantiron que, pase o que pase, manterá o financiamento previsto para cada unha destas festas, co obxectivo de que "non se perdan festas que son activos clave para o prestixio turístico da provincia".
Así llo trasladou a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, aos responsables destas festas, entre eles o alcalde do Grove, José Cacabelos, cos que se reuniu este martes mediante unha reunión telemática.
Cada un dos organizadores comentou a súa situación e avanzaron as diferentes opcións que barallan como cambiar a data, apostar por un formato con maiores garantías ou reconvertelo a formatos online ou actividades de promoción para a edición de 2021.
Sexa cal for a opción elixida, segundo Ana Laura Iglesias, a Deputación ofrecerá todo un abano de posibilidades para acompañar ás festas nese camiño.
"Estamos nun ano complicado, pero temos o máximo interese en manter as axudas e contribuír no que faga falta para que as festas se adapten tamén á nova normalidade e ás garantías sanitarias", defendeu a deputada da área de Turismo.
Ademais, a institución provincial ofrecerá tamén aos concellos, entidades e asociacións que impulsan estas festas o asesoramento técnico e administrativo para o desenvolvemento dos necesarios plans de continxencia.
Xunto coas tres festas do Salnés, desta medida poderanse beneficiar a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), o Corpus Christi de Ponteareas, a Romaría Viquinga de Catoira, a Lamprea de Arbo ou a Reconquista de Vigo, que foi suspendida polo estado de alarma.
Relacionadas:
-
O Concello do Grove toma a "difícil decisión" de suspender la Festa do Marisco
Por Redacción |
-
"Garantía sanitaria, flexibilidade na oferta e confianza", factores crave para reactivar o turismo nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación lanza unha campaña de promoción do comercio local de cada comarca
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Sanxenxo pide á Deputación un salvavidas para o sector turístico
Por Redacción |