Un pontevedrés, detido por unha estafa masiva a través de Internet con 50 vítimas en toda España
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo un veciño de Pontevedra de 32 anos como presunto responsable de máis de cincuenta estafas en cómpraa venda de produtos informáticos a través de Internet que deixou un rastro de vítimas por toda España.
A detención é resultado dunha investigación realizada polo Grupo especializado de Ciberdelincuencia da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Comisaría Provincial de Pontevedra e bautizada como operación ' Canay'.
A investigación iniciouse polo que aparentemente era unha simple estafa por Internet, pero acabou destapando as accións dun pontevedrés que xa ten antecedentes policiais e que, nesta ocasión, estafaría ao redor de 8.000 euros.
O presunto autor dos feitos utilizaba medios telemáticos e técnicas que dificultaban a súa identificación e incriminaban ás vítimas de anteriores estafas. Segundo explicaron desde a Comisaría de Pontevedra, unha vez que tiña unha vítima, usaba a súa documentación para cometer novas estafas, producindo un efecto en fervenza.
Esta técnica utilizada polo sospeitoso motivou que se xerase unha confusión entre quen era vítimas e quen estafadores e chegou a xerar a apertura de procedementos xudiciais en distintas partes de España contra persoas que resultaron se vítimas das estafas.
A investigación prolongouse durante varios meses, ata que os axentes lograron identificar plenamente tanto ao autor dos feitos como ao resto de persoas implicadas, logrando a súa detención.
Unha vez detido, os policías puxeron o caso en mans do Xulgado de Garda de Pontevedra. De todos os xeitos, a investigación continúa aberta e non se descarta identificar a novos prexudicados por esta estafa informática masiva.
Para evitar novas estafas, desde a Policía Nacional lembran consellos básicos á cidadanía como non facilitar nin intercambiar nunca nin as claves nin contrasinais de banca electrónica, non remitir copias dixitalizadas a destinatarios non fiables de documentos acreditativos da identidade como o DNI, Pasaporte ou similares, adquirir produtos na internet tan só en páxinas web de confianza e actualizar os programas informáticos antivirus.
#Ante calquera dúbida, pódese visitar a web oficial da Oficina de Seguridade do Internauta.