Son seguras as cirurxías dentais en tempo de coronavirus?
Por María José Pita & Mónica Patxot
Esta semana está marcada pola progresiva desescalada e a volta á actividade de moitos profesionais. No caso das clínicas dentais, desde a declaración do estado de alarma seguiuse atendendo ás urxencias. A partires deste luns 11 de abril a actividade ampliouse a outro tipo de tratamentos e cirurxías.
Para saber como se organiza un centro dental en tempo de coronavirus e como se enfrontan os dentistas á 'nova normalidade', visitamos a Clínica Villaverde, especializada en periodoncia e implantes. O seu director médico, o doutor Gabriel Villaverde, coméntanos que é importante transmitir tranquilidade ao paciente e a única forma é que saiba que "nas clínicas están a tomarse as medidas correctas para que tanto o paciente como os profesionais esteamos seguros".
Doutor Villaverde, esta semana retómase a actividade en diversos sectores, como está a afectar ás clínicas dentais?
Nós nunca paramos e estivemos atendendo ás urxencias que foron xurdindo. O propio Colexio e tamén desde o propio Ministerio insistíannos en filtrar as urxencias. Por iso, realizabamos unha filtración telefónica e, naqueles casos que era necesaria unha atención directa, faciámolo. Na consulta fixemos un ERTE, co cal, dos 17 que estamos en persoal, quedei eu e catro persoas para axudarme a atender as urxencias, previa cita.
Neste momento pódese atender a todo tipo de pacientes ou aínda existen restricións?
O que empezamos xa é a citar a pacientes que non sexan só de urxencia pero si de tratamento preferente, por se houbese de novo un repunte da epidemia. De momento estamos a citar aos pacientes que consideramos que o necesitan máis e así imos organizando a axenda de forma prudente.
Unha vez citado o paciente, como se organiza o traballo na clínica para garantir a seguridade?
Nós temos, por exemplo, catro equipos de traballo, os boxes, que é como se chaman, e deixamos un deles baleiro como desafogo por se nalgún momento temos necesidade de atender unha urxencia ou se vemos que algo se complica, porque isto é medicina e ás veces non podes ter as axendas cadradas exactas; entón, se se produce un atraso, necesitamos ter un equipo de desafogo e, así, imos adestrando e aprendendo novas formas, dalgún modo, de adaptarnos a unha situación nova.
Que tipo de medidas están a adoptarse nestes momentos?
As clínicas dentais de forma tradicional protexémonos moi ben. Eu creo que simplemente neste caso reforzamos un pouco máis polo feito de que é un virus que aínda non se coñece do todo. Neste momento, tómanse medidas desde xa o propio filtro ao seleccionar aos pacientes, guiados polo propio Colexio facemos un screaning dos pacientes para poder recibilos. De modo que os pacientes que poidamos sospeitar que estean con síntomas de COVID ou que estivesen con pacientes con posibilidade de ser positivos pospóñense os tratamentos, mínimo dous ou tres semanas ata que xa desaparezan os síntomas.
Á parte dese filtro, en Recepción montouse un biombo e unha serie de medidas de protección. Por exemplo, o persoal de recepción leva posta máscara, que normalmente non adoitan ter. E logo dentro, na parte da área clínica, como nós practicamente só facemos cirurxía, estamos moi afeitos ao control de infección cruzada, co cal, nese sentido, non nos custa nada adaptarnos. Digamos que para nós ter posto gorro, lentes, máscara, lupas, luvas estériles, bata de protección por enriba do pixama... é algo habitual en clínicas deste tipo, así que neste sentido non é moi diferente a como o faciamos antes.
A pesar de todas as medidas de seguridade hai algún procedemento médico onde teñan que extremar a precaución?
Nas clínicas dentais a diferenza está en se o procedemento xera aerosois, que é unha mestura de aire e auga que se produce no manexo dalgúns instrumentos rotatorios cos que traballamos. Para loitar contra eses aerosois, montamos aspiradores especiais para aquelas citas nas que xa prevemos que si os imos a xerar, e unha desinfección máis profunda se cabe para asegurarnos de que ese aerosol non poida contaminar superficies dentro do propio gabinete. É dicir, tentamos adaptarnos un pouco a cada tratamento. Non é o mesmo unha revisión simple que un tratamento complexo onde se xeran aerosois, como che comento.
E os pacientes transmítenlle algún tipo de temor?
Nós somos unha clínica tan centrada na cirurxía que a xente sabe que traballamos cun alto nivel de esixencia, no control da asepsia e antisepsia, entón están moi tranquilos, de forma que non os noto nerviosos. Non é o mesmo, entendo, noutras cidades cunha incidencia máis alta de COVID. Eu levo 20 anos de exercicio e o que son gripes e virus digamos "normais" contrólanse moi ben. Este contrólase, creo eu, igual que os demais, pero como pode ter un potencial de contaxio máis alto, polo se acaso, reforzamos un pouco máis as medidas para maior seguridade.
Relacionadas:
-
Recoñecemento ao Dr. Gabriel Villaverde polos seus 25 anos de exercicio profesional
Por Noticia patrocinada |
-
Negocios con cita previa, como salóns de peiteado ou fisioterapeutas, poderán abrir a partir do luns
Por Alejandro Espiño |
-
O psicólogo deportivo Iago Roel resolve dúbidas sobre a corentena expostas por deportistas de elite de Pontevedra
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
Os dentistas piden un decreto específico que clarifique que actividade poden facer e apostan por atender só urxencias
Por Natalia Puga |