Permitido o desprazamento a hortas de autoconsumo no concello de residencia
Por Oskar Viéitez
A Xunta autoriza os desprazamentos a hortas de autoconsumo no concello de residencia habitual da persoa.
A autorización refírese ás persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados como tales, é dicir, con fins non comerciais, e por tanto non desenvolvan unha actividade profesional agraria. Estas persoas poderán realizar os desprazamentos "mínimos e imprescindibles" para o mantemento e atención das súas leiras sempre dentro do termo municipal da súa residencia habitual.
No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda habitual, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa.
En ambos os casos, as persoas deberán achegar unha declaración responsable. A consellería do Medio Rural aprobará unha modificación da orde para regular este aspecto eliminando a anterior limitación, que era de 500 metros.
QUEIMAS
O Centro de Coordinación da Xunta tamén acordou este sábado permitir a realización de queimas de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas de explotacións profesionais cando dita actuación fágase para evitar problemas fitosanitarios nas explotacións agrícolas.
Para a tramitación das solicitudes e a obtención da correspondente autorización, os cidadáns deberán dirixirse aos Servizos provinciais de Prevención de Incendios a través de correo electrónico, e deberán incluír unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade de realización da queima.
Tamén en relación coa prevención dos incendios forestais, nesta reunión o Comité acordou levantar a suspensión do prazo legal para cumprir co deber de execución da xestión da biomasa nas franxas secundarias (as dos 50 metros próximos ás vivendas).
Así, engádense ao prazo habitual do 31 de maio os días transcorridos durante o estado de alarma, sen que en ningún caso poidan realizarse as limpezas máis aló do 31 de xullo de 2020, segundo sinala a Xunta.
Relacionadas:
-
Dous meses despois, volven estar permitidas as queimas forestais e agrícolas
Por Redacción |
-
Reapertura das hortas urbanas o próximo sábado 2 de maio
Por Redacción |
-
Empresarios de venda de produtos agrícolas: "A crise sanitaria coincidiu horrible, no peor momento"
Por Diego Torrado & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Usuarios das hortas urbanas de Pontevedra piden a súa apertura inmediata
Por Anxo Lourido |
-
O persoal da loita contra os incendios únese á batalla contra o coronavirus
Por Redacción |
-
A Xunta flexibiliza as condicións para facer obras interiores nos edificios ocupados
Por Oskar Viéitez |
-
O campo non entende de corentenas
Por Manu Otero & Cristina Saiz & Diego Torrado |
-
O sector agrogandeiro traballa con normalidade para abastecer os mercados
Por Oskar Viéitez |