Caldas entregou 5.000 máscaras no rural e o luns empezará a repartición no centro urbano
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, informou este venres da finalización do proceso de repartición domiciliaria de máscaras hixiénicas na zona rural, coa entrega de 5.000 unidades entre todas as parroquias de maneira gratuíta.
Con esta iniciativa, que tivo gran acollida entre todos os veciños, pretenden dar cobertura á gran demanda existente deste tipo de elementos de prevención e protección da cidadanía no marco da emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus.
O proceso de distribución que se realizou seguindo cos protocolos sanitarios, levárono a cabo membros do equipo de Goberno coa colaboración do departamento de Servizos Sociais e de Protección Civil.
Así mesmo, o alcalde explicou que a partir do próximo luns comezarán coa repartición doutras 5.000 no centro urbano, coa finalidade de chegar ao 100% da poboación. Será porta a porta nas vivendas unifamiliares e para o resto da poboación realizarase de maneira presencial nas oficinas de Servizos Sociais no Concello e no Centro Comarcal.
O proceso, que está a ser coordinado polo departamento de Benestar Social, activouse a partir da doazón de material para a confección de máscaras por parte dunha farmacia e complementándose coa adquisición de máis recursos desde o Concello.
Trátase de máscaras de confección doméstica elaboradas durante estas semanas por 26 voluntarias costureras. "Este tipo de accións son un exemplo dun pobo solidario que ante a dificultade e a falta de recursos organízase en comunidade e sae adiante cos seus propios medios", remarcou o alcalde, que quixo agradecer o labor en nome do equipo de Goberno e da cidadanía.
Estas máscaras distribuídas son de dobre capa e confeccionadas cun tecido especial que non traspasa líquidos e é reutilizable, contan coas correspondentes suxeicións elásticas e o pliegue nasal.
Por último, lembran que a pesar de utilizar este tipo de protección, é necesario gardar a distancia de seguridade de dous metros en caso de ter que saír de casa e que, nos próximos días, estes lotes completaranse coa distribución de máscaras infantís para nenos e nenos co obxectivo de reforzar a súa protección ante o permiso de saída diario.
Relacionadas:
-
Recoñecemento institucional en Caldas ás costureiras voluntarias que elaboraron máscaras para os seus veciños
Por Redacción |
-
O Centro Comarcal da Tafona de Caldas continúa coa repartición de máscaras infantís
Por Redacción |
-
Caldas suspende a taxa de terrazas e potenciará o turismo interior para reactivar a economía local
Por Redacción |
-
O Concello de Caldas comezou a repartición das pantallas doadas por Galicia-EscudoCovid2019
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Escolares de Caldas adaptan o "All together now" de Los Beatles ao coronavirus
Por Redacción |
-
Caldas de Reis fai seguimento dos máis de 2.500 maiores de 65 anos do municipio
Por Redacción |
-
A Policía Local de Caldas denunciou 34 persoas no mes de aplicación do estado de alarma
Por Redacción |