A comida a domicilio, sustento da restauración: "Non temos outra cosa para saír adiante"
Por Alejandro Espiño
Aforro dos gastos, adianto das vacacións do persoal, axustes no stock e, como non, os ERTE. Moitas foron as fórmulas empregadas polo sector da restauración para manterse á frote durante a crise sanitaria do coronavirus. Bares e restaurantes pecharon as súas portas e algúns, recoñecen, non saben se as volverán a abrir.
Desde que se decretou o estado de alarma no noso país a actividade da restauración freou en seco. Só algúns deles mantéñense activos. Son os que apostaron polas entregas a domicilio ou as recollidas de comida no local, as dúas excepcións que autoriza o Goberno.
Con planteis reducidos, estes restaurantes seguen a traballar, aínda que pouco, dando servizo a domicilio e preparando comida para levar. Non só seguen atendendo aos seus clientes senón que ademais contribúen a manter as medidas de confinamento nos fogares.
Nun principio, explica Daniel Martínez, xerente do restaurante asador Entrebrasas de Bueu, a xente era "un pouco reacia" a pedir comida a domicilio "supoño que por precaución". Pero tras cinco semanas de confinamento "buscan alternativas e rachar coa rutina", por lo que están notando máis movemento no reparto a domicilio.
No Entrebrasas, que tivo que facer un ERTE para a metade dos seus doce traballadores, o servizo a domicilio sempre foi unha práctica complementaria dun negocio baseado na atención e recepción de clientes no local, agora subsisten grazas a el e mesmo ampliaron a zona de reparto "porque a xente empezou a preguntar e vimos que o agradecían moito".
Casa Quintela, tamén en Bueu, estivo pechada ata o 13 de abril. Reabriu porque varios clientes habituais preguntaron polo servizo de comida para levar. "Hai pouco que empezamos e non hai moito movemento", conta Ana Nantes.
Cando comezou o confinamento pechou o negocio porque "non pensaba que ía ser tanto tempo", pero a incerteza e a falta de ingresos propiciou a reapertura porque "temos que comer e non temos outro traballo a maiores".
Juan Castiñeiras, responsable do restaurante O Bioco na zona monumental de Pontevedra, explica que no seu restaurante o servizo a domicilio funcionaba só en momentos puntuais do ano como o Nadal, pero ante esta situación excepcional apostaron por esta fórmula.
A cantidade de servizos que prestan é pequena e en condicións normais "non sería rendible" seguir abertos pero "como agora mesmo non temos outra cousa seguimos adiante", facendo chegar a súa aposta polos produtos "de quilómetro cero" ás casas dos seus clientes.
Ante esta situación os restaurantes tiveron que mudar as cartas e os menús, algo que repercute nas compras: menos cantidade e variedade de xénero
Ante esta situación os restaurantes tiveron que mudar as cartas e os menús, algo que repercute nas compras: menos cantidade e variedade de xénero.
En Casa Quintela, por exemplo, pasaron a facer a compra en supermercados máis próximos. A carta reduciuse, de tres primeiros e tres segundos a elixir "pasamos a un menú semanal cun primeiro e un segundo con opción a cambio", di Ana.
No Bioco reduciron igualmente a carta e preparan pratos "que sexan fáciles de quentar ou fríos", asegura Juan como vieiras ao forno con boletus, unhas carrilleiras de tenreira con setas ou peixes en escabeche "que poden estar na neveira durante días sen que perdan a calidade".
Esta nova realidade vén impulsada polas redes sociais, que todos ven como un excelente apoio para manter aos clientes informados e, mesmo, captar algún novo. "As redes sociais son fundamentais, son o novo boca a boca", comenta o dono de Entrebrasas.
A xente, ademais, pasa máis tempo conectada polo que a presenza destes restaurantes na internet permite darse a coñecer máis rápido. As encargas chegan tamén por Facebook ou Whatsapp, redes nas que ademais manteñen un contacto directo cos clientes.
A pesar diso, o futuro a corto e medio prazo non está nada claro. Ninguén dúbida de que esta actividade será das últimas en recuperar a normalidade. Os establecementos temen unha longa e complexa recuperación.
Perdida a campaña de Semana Santa, está por ver se poden rescatar parte da de verán, pero considérano improbable. "O futuro é complicado e incerto. Non sabemos moito do que vai a pasar", lamenta Daniel Martínez.
O levantamento gradual das restricións promoverá unha lenta recuperación da actividade pero o sector teme que a demanda inicial será baixa polo medo ao contaxio e pola falta de turistas.
"Hai moita xente que seguirá con medo, que non quererá saír. Quedarán máis na casa e teremos que buscar outras formas", di Daniel, ao que Juan Castiñeiras engade que, segundo se comenta, tras isto teremos unha crise máis profunda que a de hai dez anos. "Haberá que reinventarse ou marchar a outro sitio", conclúe.
Relacionadas:
-
Crean no Bioco un xeado con cogomelos e flores de primavera
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
RADIO.- Propostas para os chefs noveis neste nadal
Por Marisa Ciordia |
-
VÍDEO.- Humor no supermercado, acción contra o coronavirus
Por Anxo Lourido |
-
Dispáranse os pedidos a domicilio de pizzas familiares e menús infantís no ‘domingo dos nenos’
Por María José Pita |
-
Consome produtos do mar para garantir emprego e riqueza galega: #QuedaCoNosoMar
Por Redacción |
-
As prazas e mercados de abastos non escapan á crise derivada da corentena
Por Redacción |
-
O sector do mar, en xaque polo coronavirus: "Os prezos son horribles. É unha barbaridade"
Por Alejandro Espiño |