Nove médicos xubilados volven traballar para reforzar a atención telefónica polo coronavirus
Por Redacción
Nove médicos que se xubilaron da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nos últimos tempos incorporaranse de xeito voluntario ao traballo por mor da emerxencia sanitaria do coronavirus.
Os nove están recentemente xubilados e van reforzar a dotación de profesionais que se dedican en exclusiva a atender o teléfono gratuíto 900 400 116 de información e consulta sobre o coronavirus.
Este servizo ten na actualidade máis de 100 teleoperadores para a atención telefónica de dúbidas en horario continuado de oito da mañá a doce da noite todos os días da semana.
Segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, a seis destes nove profesionais médicos a área sanitaria facilitoulles un terminal telefónico. Os tres restantes conectaranse á Rede a través da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xestiona ambos os dous números de teléfono.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa facendo xestións para incorporar de xeito voluntario a máis profesionais xubilados para reforzar a actual cobertura telefónica do número 900 400 116.
Este número habilitouse para aquelas persoas con síntomas leves de coronavirus, que estiveran nunha zona de risco ou tiveran contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus, así coma para aqueles que queiran solicitar información relacionada con esta enfermidade. O 061 mantense como o teléfono exclusivo para a atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia ou para consultas de casos graves.
O Servizo Galego de Saúde lembra que a Consellería de Sanidade puxo a disposición da cidadanía outras ferramentas de atención e consulta acerca desta enfermidade como o formulario de autotest sobre o coronavirus, dispoñible na páxina web do Sergas e na páxina web do 061.
Relacionadas:
-
RADIO.- Xubilando o concepto de xubilados: devellabella.com
Por Marisa Ciordia |
-
Agradecemento dende a Xunta aos nove médicos que fixeron voluntariado no teléfono do coronavirus
Por Redacción |
-
Día complicado na área sanitaria, con 38 novos casos activos por coronavirus nunha xornada
Por Natalia Puga |
-
Os Coronavirus Makers tamén se mobilizan en Pontevedra
Por Marisa Ciordia |