Consellos para manter unha boa hixiene visual durante o confinamento
Por Marisa Ciordia
Se durante a cotidianidade que temporalmente perdemos pásase excesivo tempo diante de pantallas, neste contexto de confinamento elévanse as horas co teletraballo ou coas obrigacións escolares. A isto hai que engadir ademais a falta de exposición á luz solar. Por iso é recomendable adquirir algunhas sinxelas pautas para manter unha boa saúde visual.
"Actualmente temos todos un problema visual porque usamos demasiado a visión de preto cos móbiles, computadores, tables... pantallas en xeral; mesmo nos intres de pausa, estamos cunha pantalla diante. Damos descanso á cabeza pero non ao sistema visual e isto tradúcese en que nos nenos aumente a miopía" explica Fernando Otero Frías, óptico optometrista de Óptica Doce.
De feito, engade que os estudos actuais revelan que a miopía se está convertendo nunha epidemia que en Europa afecta xa ao 40% dos menores e en países de Asia ao 90%.
No caso dos adultos a contínua exposición ante estes dispositivos deriva en que ao terminar o día estéase máis canso, con pesadez de ollos e mesmo máis irritables. Outra circunstancia que hai que engadir é a falta de luz solar, "a situación vai afectar a todos na visión porque os últimos estudos demostran que a luz solar, como para tantas outras cousas, é boa para a saúde visual".
Nesta tesitura, Fernando Otero, ofrece algunhas sinxelas pautas "que son as mesmas de sempre, pero adaptadas a esta circunstancia". Se se traballa ante unha pantalla aconsella imprimir un papel con diferentes tamaños de letras e poñelo á distancia máxima en que se poidan ler as últimas letras. Ler ao día de cando en vez ese folio e cando se observe que "non ven ben ou non ven esas últimas letras con comodidade, é momento de parar un intre".
De igual forma recomenda utilizar a visión de lonxe mentres se está na casa; por exemplo mirando pola xanela a diario cada certo tempo. Ter as xanelas abertas para que entre a luz do día; e algo que non se ten que facer é "mirar pantallas ou televisores coa luz apagada".
Unha vez que o confinamento termine, sería recomendable protexer os ollos da luz solar para que se vaian adaptando. Tamén podería darse o que os profesionais da óptica- optometría denominan pseudomiopía: "aparece por un exceso de visión próxima, pero que se se fai uso de visión afastada, - que o faremos porque todos teremos ganas de saír a pasear - é unha circunstancia que tende a remitir".
Relacionadas:
-
Un blogue con actividades e rutinas para facer máis levadío o confinamento
Por Redacción |
-
A AECC toma a vía telemática para axudar os pacientes durante a crise do coronavirus
Por Sara Iglesias |
-
Información de utilidade durante a emerxencia sanitaria en Galicia
Por Redacción |
-
Aviso para as familias: a emerxencia do coronavirus afecta ao calendario de vacinación
Por Natalia Puga |