Unha traballadora afectada por un ERTE: "Entendo ao meu xefe, prefiro que me mande ao paro a que non poida pagar"
Por Manu Otero
O estado de alarma decretado polo Goberno para frear o avance do coronavirus freou en seco a maior parte dos sectores económicos do país. Sen actividade, os ingresos das empresas reducíronse a cero e para sobrevivir os empresarios vense obrigados a reducir os seus gastos ao máximo. Unha ferramenta facilitada pola administración pasa pola aplicación de ERTEs (expedientes temporais de regulación de emprego).
As asesorías recoméndanas e os emprendedores empezan xa a aplicalos de forma inmediata. "Teño tres empregados, dúas fixas, que agora van ao ERTE para que poidan cobrar", explica Miguel Roquiño, propietario do hotel Roquiño e do espazo gastronómico A do borlo, en Caldas.
Unha das afectadas por esta medida é a camareira do restaurante. "Entendo perfectamente ao meu xefe, sei que non é a súa culpa porque non ten ingresos. Prefiro que me mande ao paro a que peche porque non poida pagar", explica Eva que leva traballando nesta empresa desde a súa apertura hai case dous anos.
A aplicación desta medida dá un pouco de aire aos empregadores e garantías de recuperar o seu posto de traballo aos despedidos. Pero tamén obriga aos afectados a controlar os seus gastos porque o paro, que cobrarán mentres dura o estado de alarma, reduce o seu salario ao 70 %. "O meu soldo chegábame para vivir de forma cómoda, pero agora suponme apertarme o cinto porque teño que pagar o aluguer, aprobáronme unha hipoteca e teño un fillo que antes comía na casa dos meus pais todos os días e agora teño que darlle de almorzar, comer e cear", detalla a traballadora.
A pesar de que valora de forma positiva esta medida tamén considera que non ampara do mesmo xeito a todos os traballadores. "Os funcionarios tampouco traballan e seguen cobrando o 100 % e eu o 70 %, é inxusto. Os autónomos tampouco están a ser tratados moi ben", critica.
E para o empregador, librarse do pago das nóminas supón soamente un pequeno respiro na ampla lista de pagos pendentes. "Só desde o 20 de febreiro levamos xa 18.000 euros en cancelacións polo coronavirus", confesa o hostaleiro caldense, quen queda abatido ao comparar os datos do 2019 cos do presente ano. "En abril do 2019 facturamos 12.000 euros, este ano vai ser cero e en marzo só recibimos 1.800 polos 6.900 do 2019", analiza.
A pesar do desalentador do panorama, Roquiño prefire ser optimista e confía en que "isto se levantará bastante rápido e a xente terá ganas de saír". Outro aspecto positivo está na colaboración das administracións e entidades bancarias. "Do banco non me podo queixar, estamos agora xestionando os créditos ICO do goberno. A eles xa se lles axudou, agora tócalles poñer do seu parte", lembra.
Outro sector afectado por esta crise na comarca de Pontevedra son os albergues de peregrinos. Pechados desde que se decretou o Estado de Alarma tampouco queda outra saída que reducir gastos. Tamén eles acolléronse aos despedimentos temporais.
"Pasamos de expectativas fantásticas para abril a un cero pataqueiro", expón Camilo, propietario do albergue pontevedrés Acolá. "O ERTE é a mellor solución porque se recoñece que o paro é temporal. Todos queremos retomar a actividade e así a expectativa para o traballador tamén é boa", explica o emprendedor, que negocia de forma paralela con todos os acredores a redución ou paralización de pagos.
Neste caso, o dunha empresa pequena e familiar, tiveron que prescindir da súa única empregada. "Era a única solución para que poidesen os albergues recuperarme. Pola pandemia están pechados e o turismo é cero", comprende Danielle, á que lle une unha relación de amizade cos seus xefes. "Barallaron todas as opcións e tomaron a máis correcta para eles e para min", sostén con convicción a adopción dunha medida vital para empresas pequenas. "Eu faría o mesmo", subliña.
O caso de Danielle é tamén excepcional porque está a vivir a expansión do coronavirus por partida dobre. "Estiven de vacacións en Italia, volvín o 1 de marzo a Pontevedra e estaba aquí vendo como en España repetiamos os mesmos erros. En Roma queixábanse de que os do norte escapaban ao sur e os de Madrid fixeron o mesmo", relata preguntándose por que non se aprendeu do ocorrido en Italia e adoptáronse medidas con maior anterioridade.
Aínda que, as medidas implantadas polo Goberno están encamiñadas a protexer o emprego, a traballadora deste albergue tampouco as ten todas consigo. "Dependerá moito da economía, se entramos nunha crise como a do 2008 o sector se que se vai a resentir porque non haberá turismo", reflexiona.
Comercios, bares e hoteis son os que están a padecer o peor da crise na cidade do Lérez e a redución de gastos esténdese tamén ao lecer nocturno. Os empresarios, a pesar de ter actividade soamente durante as fins de semana, tamén se poden acoller a estas medidas para reducir gastos e protexer aos seus traballadores. "Cría que nós non poderiamos acollernos por cobrar por día, pero ao ter nómina e estar aseguradas si que podemos", explica Ainhoa, camareira do pub Cielo, só uns días despois de recibir a comunicación do ERTE por parte dos seus xefes.
"Desde o primeiro momento dixéronnos que ían facer o mellor para a empresa e tamén para nós", afirma agradecida pola transparencia dos seus empregadores e coa posta en marcha de medidas económicas compensatorias por parte do Goberno.
Do mesmo xeito que co turismo, o pesimismo pesa tamén sobre a reactivación do consumo neste sector despois da crise. "Van cambiar os hábitos, ata que isto se esqueza a xente non vai querer estar nun local pechado e tan preto da xente", alerta Ainhoa que polo menos, como o resto de traballadores afectados por estes expedientes de regulación de emprego temporais, ten asegurado o regreso ao seu posto de traballo.
Relacionadas:
-
Trámites e consultas sobre as medidas do Goberno saturan as asesorías de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
A provincia de Pontevedra encabeza en Galicia o número de traballadores afectados por ERTEs
Por Redacción |
-
O Concello prioriza o pago a provedores mentres estuda a concesión de axudas para as empresas locais
Por Manu Otero |
-
A Cámara de Comercio anima ao goberno a tomar decisións inmediatas
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
O Peixe Galego notifica a plantel e corpo técnico a súa intención de aplicar un ERTE
Por Diego Espiño |
-
Aplicar un ERTE ou non, esa é a cuestión
Por Manu Otero |
-
Os autónomos reclaman ao Goberno unha ampliación de tres meses para presentar declaracións e autoliquidacións
Por Oskar Viéitez |