Un paciente de Montecelo consegue coa presión das redes sociais que o operen dunha infección despois de tres semanas de demora
Por Anxo Lourido
Mario Iglesias ten 60 anos. É unha persoa inmunodeprimida debido a un transplante de ril con problemas de defensas ante calquera enfermidade. Desde o 21 de febreiro atópase á espera dunha operación urxente para resolver un foco de infección.
Todo se remonta ao 3 de xaneiro cando ingresaba en urxencias do Hospital Montecelo cunha septicemia, infección por todo o corpo, sen que se detecte a súa procedencia. Un día máis tarde, Mario era trasladado á UCI cun cadro crítico e permaneceu ingresado durante unha semana. Nese período de tempo aparécelle un vulto enriba da clavícula esquerda. Comezan a facerlle probas e despois de tres semanas, os médicos sinalan que a infección procede dunha artrite na clavícula, que lle causa ese vulto de pus.
Ante esta situación, desde o Hospital Montecelo propoñen envialo ao Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) para que baleiren e limpen o absceso pero finalmente, Mario é enviado a súa casa cunha pauta de antibióticos orais. Tras un mes no seu fogar, o 21 de febreiro volvía ingresar en urxencias de Montecelo con febre e o vulto cun tamaño meirande.
O xefe do servizo de Medicina Interna, segundo conta Mario Iglesias, indícalle que o pus está carcomendo o óso. Tras estudar o caso, entenden que a situación deste paciente debe ser tratada no CHUS, hospital de referencia para este tipo de casos graves. Explicanlle, ademais, que en Santiago contan cun equipo de traumatoloxía e unha unidade de cirurxía torácica por se chega a complicarse a operación.
Malia todo, en Santiago rexeitan o caso alegando que non se trata dun caso urxente nin grave e que "se en Pontevedra non o queren operar, eles tampouco", explica Iglesias. O SERGAS só lle ofrece a solución de trasladalo ao Hospital de La Paz en Madrid, con todos os gastos que para os seus familiares suporía o desprazamento á capital, a máis de 600 quilómetros de Pontevedra.
Mario Iglesias: "la sanidad debería ser como presumen ellos, universal"
Ante o temor de que a bolsa de pus se rompa e poida chegar aos pulmóns e provocarlle unha mediastinite, que derivaría nunha intervención cirúrxica moi perigosa, Mario Iglesias deicidiu trasladar o seu problema ás redes sociais. Desta forma na tarde deste luns 9 publicaba a súa situación en Facebook. A nova compartiuse preto de 4.000 veces en menos de 24 horas e provocou a reacción e as mostras de apoio de milleiros de persoas, segundo explica o paciente.
Tal foi a repercusión que este mesmo martes, desde o SERGAS anunciaban que será trasladado nas vindeiras horas ao Hospital Clínico Universitario de Santiago para analizar a súa situación e estudar a intervención. "Algo rascou o que publiquei nas redes sociais e o 5 de abril hai eleccións", afirmaba Mario a PontevedraViva, satisfeito co desbloqueo do seu caso pero molesto porque só a través da presión teñen cambiado de parecer. "Me jode que sea así porque la sanidad debería ser como presumen ellos, universal", afirma Mario Iglesias que recibiu o apoio de traballadores sanitarios que se amosaron solidarios coa súa situación.
Agarda que os trámites para a súa operación se poñan en marcha nas vindeiras horas e amósase agradecido con todas as mostras de cariño recibidas. Agora, superado estes momentos de tensión, só se desexa sorte e "al toro!"