Rexistros en Pontevedra dentro dunha operación contra un taller clandestino de armas de fogo en Pazos de Borbén
Por Redacción
A Garda Civil, no marco da operación DUA, desmantelou en Pazos de Borbén un taller clandestino utilizado para a rehabilitación e reparación de armas de fogo e municións que despois eran vendidas de forma ilegal.
Na operación, na que se detivo tres persoas e investigouse outras dúas por presuntos delitos de tráfico de armas, tenencia ilícita e depósito de armas, municións e explosivos, realizáronse sete rexistros, entre eles en Pontevedra, ademais de en Vigo, Gondomar e no propio municipio de Pazos de Borbén.
No transcurso deses rexistros os axentes incautaron preto de medio cento de armas de fogo, máis de 8.500 cartuchos metálicos de diferentes calibres, 42 quilos de pólvora, ademais de numerosos canóns e pezas fundamentais utilizadas para a manipulación das armas e a fabricación artesanal da munición.
Segundo relata a Garda Civil, a investigación iniciouse tras ter coñecemento da existencia de varias persoas que poderían dedicarse á venda ilegal de armas de fogo, que terían reparado e transformado previamente. Tras establecer un dispositivo de vixilancia, puideron comprobar como un dos detidos tiña instalado na súa vivenda, en Pazos de Borbén, un taller clandestino dotado de todo tipo de maquinaria, ferramentas e pezas fundamentais para a reparación e manipulación das armas. Tamén fabricaba de forma artesanal a munición metálica para as armas ilegais coas que traficaba, ante a imposibilidade de adquirila legalmente nunha armería.
Durante os rexistros foi posible localizar coa axuda dun can do Servizo Cinolóxico parte das armas, que se atopaban envasadas ao baleiro nun dobre fondo practicado nunha parede construída con ladrillos.
Tanto os detidos como os investigados foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución Nº 2 de Ponteareas, aínda que a operación continúa aberta co fin de pescudar a orixe das armas de fogo, que tiñan os números de serie borrados ou alterados.
O dispositivo policial foi levado a cabo por axentes pertencentes ao Grupo de Información da Comandancia de Pontevedra e a Xefatura de Información (UCE3), que contaron co apoio da Sección de Información da Zona de Galicia, o Servizo Cinolóxico de Madrid e a USECIC, Policía Xudicial, TEDAX e IAE.