O Gremio de Mareantes continúa coa tradición e impón a medalla a Luis Cortés, xeneral xefe da Brilat
Por Redacción
Luis Cortés Delgado, xeneral-xefe da Brilat-Galicia VII, recibía este xoves 5 a medalla do Gremio de Mareantes e era nomeado membro de honra desta institución pontevedresa nun acto ao que asistiron diferentes integrantes do Gremio co presidente José Luis Arellano á cabeza. Ao acto tamén asistía o subdelegado de Defensa, o coronel Ángel de Miguel.
Cortés Delgado destacou a valía do gremio pontevedrés por ser o máis antigo de España, remontándose ao século XII e subliñou o traballo desenvolvido por esta entidade ao xestionar a riqueza que viña do mar, converténdose nun "modelo a seguir".
Tamén sinalou que grazas ao gremio se foi transformando á sociedade pontevedresa ao mesmo tempo que realizaba un importante labor social para os seus mariñeiros e pescadores durante todos estes anos.
"Me siento de corazón de este gremio", afirmou o máximo responsable da Brilat que indicou que compartía os valores desta institución. Sinalaba que o Gremio de Mareantes preserva os costumes e a historia, tras asinar no libro de honra.
José Luis Arellano, presidente do gremio, lembrou que xa era a cuarta vez que realizaba este nomeamento despois de impoñer a medalla aos xenerais Alonso Miranda, Cebrián Carbonell e Romero Losada.
No acto tamén recibiu un distintivo o tenente Francisco Javier Corrochano, pola colaboración que mantén co Gremio durante os últimos anos.
Relacionadas:
-
Carmela Silva xa é membro honorífico do Gremio de Mareantes
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A comandante médico María Dolores Muñoz, da Brilat, galardoada co premio "Soldado Idoia Rodríguez"
Por Redacción |
-
A Brilat móvese por cinco zonas de adestramento en terreos de Comunidades de Montes a menos de 20 quilómetros da base
Por Anxo Lourido |