O Concello retirará de xeito "progresivo" todos os vehículos abandonados nas vías públicas
Por Redacción
O goberno municipal iniciou os trámites para que unha ducia de coches que están abandonados nas vías públicas sexan declarados como residuos sólidos urbanos e proceder á súa destrución, previa retirada e descontaminación.
Así o avanzou o responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, que avanzou que este traballo continuará para avanzar cara a retirada progresiva de todos os vehículos abandonados nas vías públicas de Pontevedra
En concreto, o Concello vén de emitir senllos decretos de declaración como residuos sólidos urbanos para un Seat Ibiza abandonado no lugar de A Esculca de Abaixo (parroquia de Salcedo) e para un Peugeot 306 estacionado de xeito permanente no lugar de Lampreira (en Alba).
Ambos expedientes foron tramitados a raíz dos partes elaborados pola Policía Nacional informando de que os vehículos se atopaban en evidente estado de abandono dende había tempo.
Tras seren identificados os titulares dos turismos, requiríuselles que procedesen á súa retirada no prazo de quince días, advertíndolles de que, pasado este tempo, a administración local adoptaría as medidas sancionadoras previstas na Lei 10/2008, de residuos de Galicia, e procedería a darlles tratamento como residuos sólidos urbanos.
Ao non ter resposta, o Concello entregará os coches á firma Automociones Catoira SL, centro homologado para a súa recepción e tratamento.
A lexislación establece que esta medida pode adoptarse se pasan dous meses dende que o coche sexa inmobilizado ou retirado da vía pública, cando permaneza estacionado por máis dun mes no mesmo lugar e presente estragos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios ou lle falten as placas de matrícula, e cando recollido un vehículo como consecuencia de avaría ou accidente o seu titular non o retirase no prazo de dous meses.
O edil socialista constata que o Concello de Pontevedra ten detectados outros doce vehículos que cumpren con estes requisitos legais e para que os que tamén están ou se porán en marcha expedientes de cara a declaralos residuos sólidos urbanos.
Relacionadas:
-
A retirada do coche chabola do Pavillón abre a ofensiva do Concello contra os coches abandonados
Por Redacción |
-
O Concello declara residuos sólidos urbanos unha vintena de vehículos abandonados
Por Redacción |
-
Avanza a 'cruzada' municipal contra os vehículos abandonados na rúa coa vía libre á retirada de dez
Por Redacción |
-
Dez novos requirimentos de retirada e outras tres declaracións de coches como residuos sólidos urbanos
Por Redacción |
-
Marea denuncia que a zona de Tafisa vai camiño de ser un "desguace"
Por Redacción |