Sete empresas optan á reforma do antigo ximnasio da ONCE
Por Oskar Viéitez
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, anunciou este luns que son 7 as empresas que presentaron as súas ofertas para executar as obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE.
A relación de empresas que se presentaron a esta contratación é a seguinte: Construcciones Abal S.A., Construcciones Orega, Construcciones Ramírez, Innova Profesional Desarrollos, Obras y Servicios Gómez Crespo, Prace, Servicios y Obras, Prado Lameiro.
Anabel Gulías informou que as ofertas están pendentes de informe técnico e lembrou que o importe deste proxecto ascende a 448.636 euros e que conta cun prazo de execución de seis meses.
A portavoz do Goberno indicou que a reforma do antigo ximnasio da ONCE ten unha gran importancia por canto "vai estar dedicado a deportes minoritarios, como son o taekwondo e a esgrima, que van ter un emprazamento onde poderán contar con todo o que precisan para adestrar".
Gulías fixo fincapé en que "xusto estes dous deportes menos comúns teñen moita repercusión deportiva na nosa cidade e están conseguindo grandes cousas".
En canto ás obras de reforma, a concelleira lembrou que o edifico presenta problemas de humidade e condensación por falta dunha ventilación adecuada, polo que a maior parte dos traballos se centrarán na modificación da cuberta e da fachada de cara a conseguir unhas instalacións axeitadas para o adestramento e eficientes enerxeticamente.
A reforma do antigo ximnasio da ONCE está enmarcada nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".