O rei Urco e a Asociación Recriativa de Xeve inaugurarán este venres o Entroido pontevedrés na Praza da Ferrería
Por Redacción
A visita do rei Urco ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, marcará, como é tradicional, o inicio do Entroido pontevedrés. O encontro está previsto para este venres ás 21 horas na Praza da Ferrería, onde terá lugar unha hora antes unha degustación popular de filloas.
A comitiva do rei do entroido supoñerá o pistoletazo de saída dun programa festivo que durará máis dunha semana. Urco chegará á emblemática praza pontevedresa escoltado polas comparsas Os Canecos, Amoriños de Bora, Os 100 Tolo, Os da Cana, As flores do Entroido, Os Solfamidas, Os Paparrulos, As Sonecas e Os Miúdos.
Tras a recepción, será desvelada a incógnita do contido do pregón desta edición que correrá a cargo da Asociación Recriativa de Xeve que promete crítica e sátira.
O evento estrela da primeira semana festiva terá o desfile do Entroido previsto para as 17 horas do día 22. A caravana partirá de Xosé Malvar e concluirá na Praza de España e Alameda. Unha das novidades deste ano é a instalación dunha plataforma de dez metros para facilitar a visión do desfile ás persoas con mobilidade reducida que será instalada diante da Casa do Concello.
Ao finalizar o desfile dará comezo a festa do Entroido na que se entregarán os premios do concurso de disfraces, que este ano inclúe entre os agasallos unha figura do papagaio Ravachol en cerámica de Sargadelos.
Relacionadas:
-
RADIO.- Historia de Pontevedra cun profesor de Matemáticas
Por Marisa Ciordia |
-
O barco do Rei Urco naufraga en metade do desfile do Entroido
Por Diego Torrado |
-
"Comede, bebede e pasádeo ben, pero con sentidiño"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Os 30 entroidos dos Paparrulos de Marín: de rumbeiros a un 'reino de xeo' espectacular
Por Natalia Puga & Cristina Saiz & Roberto Alonso Pereira |
-
O cartel do Entroido 2020 chega cun Ravachol solidario e pegado con cinta americana
Por Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- Os Solfamidas inician "o mellor Entroido do mundo" con Lores tocando o bombo
Por Diego Torrado & Redacción |
-
O rei Urco e o pregón dos Solfamidas marcan o inicio do Entroido de Pontevedra
Por Redacción |