Rueda afirma que o GES de Sanxenxo "marca a diferencia e a excelencia do concello"
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este luns durante a súa visita ás instalacións do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Sanxenxo, o importante papel que xogan os GES na atención profesional das emerxencias en Galicia.
Alfonso Rueda, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou este luns a sede do GES para coñecer de primeira man o seu funcionamento.
Neste sentido, lembrou que os GES, xunto cos voluntarios das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), son os servizos de emerxencia máis próximos aos cidadáns e os primeiros en prestar atención en moitas das intervencións de emerxencias.
Os GES comezaron a funcionar na nosa comunidade no ano 2013, e complementan e reforzan a rede profesional de xestión e atención ás emerxencias de Galicia, que xunto a bombeiros, policías, o Centro de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia e o 061.
O vicepresidente da Xunta apelou tamén á formación dos GES para que estean o mellor preparados posible e poidan prestar unha resposta áxil e eficaz á cidadanía. "Unha sociedade moderna e segura ten que contar cuns servizos de emerxencia ben preparados que poidan facer fronte a calquera incidencia. Ter uns profesionais ben preparados implica poder salvar vidas e evitar danos", indicou.
No caso de Sanxenxo, sinalou que o GES "marca a diferencia e a excelencia do concello tamén no ámbito das emerxencias e dos municipios da súa contorna aos que presta servizo".