O illamento térmico e a mellora da accesibilidade, principais demandas na oficina de rehabilitación de Marín
Por Redacción
Nos sete anos que leva en funcionamento a oficina municipal de Rehabilitación do Concello de Marín realizáronse obras a través de axudas públicas en máis de 300 vivendas, que se atopan na zona do ámbito do ARI (Área de Rehabilitación Integral).
O concelleiro de Urbanismo e Facenda, Manuel Santos e a encargada responsable da oficina, Ivana Conte, sinalaron que os plans estatais destas axudas ás vivendas realízanse por fases, a través dos acordos das comisións formadas polo Estado, a Xunta de Galicia e a administración local.
A terceira fase atópase a piques de finalizar en Marín mentres que a cuarta atoparase operativa ata 2021. Nesta última fase intervirase en 104 vivendas, para propietarios que realizaron a solicitude de axudas en 2019. Durante as tres primeiras fases do plan, os particulares que realizaron actuacións a través do ARI investiron un millón de euros.
O concelleiro sinalou que o goberno local estuda a posibilidade de publicar unha segunda convocatoria, porque aínda que queda un remanente do orzamento se queren ampliar os beneficios do plan a un maior número de familias e de veciñanza da vila.
En relación aos investimentos en obra pública, o Concello investiu preto de 362.000 euros con obras de reurbanización en Ponte Zapal, Concepción Arenal e en Rúa Lameira. A Xunta e o Estado pola súa banda investiron 600.000 euros nestes proxectos.
Aínda quedan por executar 844.000 euros na cuarta fase na que se contempla a reforma dun tramo de Doutor Touriño Gamallo. A esta cifra hai que sumarlle 300.000 euros en axudas para actuacións en propiedades privadas.
Os particulares demandan sobre todo axudas para rehabilitación enerxética dos edificios residenciais coa incorporación de illamentos térmicos en fachadas, cambio de xanelas e melloras de accesibilidade, con reforma de baños, ampliación do cadro das portas, instalación de ascensores ou dispositivos para acceder ás vivendas.
Segundo manifestou Santos Costa, todas estas obras axudan a que se asente poboación na zona antiga dos barrios de Santa María e Banda do Río, cunha mellora na calidade de vida.
Na oficina tamén se informa á cidadanía sobre as axudas públicas relacionadas co aluguer, coa conservación, mellora da eficiencia e coa accesibilidade do plan vivenda 2018-2021 da Xunta. Tamén se traslada información sobre os préstamos cualificados a través de entidades financeiras colaboradoras, sobre as convocatorias de axudas do Inega para instalacións con enerxías renovables e para a adquisición de vivenda en centros históricos para menores de 35 anos.