O Concello remata a mellora da estrada Cernadelo-Barbeitos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar unha nova actuación en materia de infraestruturas coa mellora viaria da aldea de Cernadelo así como a súa conexión co lugar veciño de Barbeitos. Esta actuación formaba parte dun lote de obras orzamentado en 106.000 euros no que se incluían outras actuacións similares en ata sete lugares das parroquias de Viascón e San Xurxo de Sacos.
Este proxecto consistíu na limpeza de marxes e apertura de cunetas, a demolición e reconstrución de muros de mamposteiría para garantir a seguridade e manter os peches dos veciños, a execución de canalizacións con apertura de gabias e entubado de PVC, a nivelación das caixas de rexistro existentes e a apertura doutras novas e a colocación dunha barandiña de madeira de grandes dimensións en forma de cubrecontedor para embelecer a contorna.
Así mesmo, procedeuse á instalación de grellas para o paso das augas, o recrecido de tapas, o perfilado dos entronques e a dotación dunha nova pavimentación a través dunha base de zahorra artificial e un aglomerado en quente cun groso de cinco centímetros.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, no marco das visitas que está a realizar ás 38 obras realizadas nas vías do municipio nos últimos tres meses, desprazouse ata a zona para efectuar un exhaustivo percorrido por toda a actuación co obxectivo de comprobar persoalmente que se rematara en condicións e de pulsar a opinión dos veciños da zona sobre a mesma.
"Cremos que este investimento, como os case corenta que deseñamos e executamos para gran parte do noso territorio nos últimos tempos, é moi importante para reforzar a mobilidade e a seguridade nunha aldea que está moi próxima á N-541 e que debe contar cunha axeitado acceso a esta vía de alta capacidade.
Ademais, a mellora introducida pola empresa coa dotación de cubrecontedores embelece moito a zona xa que non se ve este espazo de depósito de lixo", concluíu o rexedor local.