O PSOE denuncia "serios problemas" por falta de mantemento nas instalacións deportivas de Marín
Por Redacción
O PSOE de Marín denuncia que das cinco principais instalacións deportivas municipais, catro amosan "serios problemas" ao non existir un correcto mantemento nin un plan de inversións que priorice e planifique as actuacións e pide que non se siga "improvisando".
Para buscar unha solución, os socialistas de Marín rexistraron unha moción para o seu debate no Pleno da Corporación na que demandan un plan de mantemento e inversións para instalacións deportivas municipais no Concello de Marín.
As cinco principais instalacións deportivas propiedade do concello son a piscina municipal, os pavillóns de A Raña, Sequelo e A Cañota e o campo de San Pedro e o o PSOE denuncia que cando chove, rara vez non se suspenden adestramentos e partidos.
No pavillón municipal de A Cañota denuncian que hai goteiras no interior do edificio que fan que se teñan que suspender partidos, como sucedeu o pasado fin de semana, ou adestramentos. Tamén ven problemas de insonorización, pista de materiais xa obsoletos e problemas nas duchas.
No pavillón municipal de Sequelo detectaron goteiras e condensación que provocan que se suspendan partidos e adestramentos e que se deteriore a pista de parquet instalada fai pouco tempo.
Na piscina municipal sinalan que existe unha queixa constante dos usuarios debido á existencia de goteiras no ximnasio, una baixa temperatura ambiente na zona de baño e a fluctuación da temperatura da auga das duchas.
En opinión dos socialistas, todo isto é resultado da ausencia de planificación das inversións, falta de mantemento preventivo, deterioro normal das instalacións co paso do tempo e aumento das actividades deportivas e usuarios que practican deporte nas instalacións deportivas municipais.
O PSOE denuncia que leva requirindo dende o comezo deste mandato que se tomen as medidas oportunas e agora, nesta moción, reclama o citado plan de mantemento e inversións para instalacións deportivas municipais e que se elabore dun xeito participativo dando entrada aos clubes deportivos para que trasladen as súas demandas e suxerencias.