O BNG leva ao Parlamento a reforma da estrada vella de Marín
Por Redacción
O BNG rexistrou este luns no Parlamento Galego unha iniciativa para a reforma da PO-546, coñecida como a estrada vella de Marín, con actuacións específicas para os nucleos de Mollabao, Ponte Muíños, A Igrexa, Os Rozos, Praceres e Estribela.
Con respecto ao tramo de Mollabao, o Concello de Pontevedra xa manifestou o interese en asumir o traspaso do vial para impulsar obras de reurbanización para integralo no modelo de cidade. A actuación está agora pendente da autorización do Estado, que debe dar o visto e prace á transferencia. "O estado desta estrada é moi deficiente ao paso polo concello de Pontevedra: trátase dunha vía con moitas deficiencias en materia de seguridade, sobre todo para ou tránsito peonil e ciclista; carece de beirarrúas e arcéns transitábeis, presenta graves deficiencias en materia de accesibilidade, ten carencias en materia de sinalización e alumeado e as marxes presentan un estado de absoluto abandono", detalla o deputado nacionalista Luís Bará.
Dado o intenso tráfico que soporta esta estrada, a solicitude inclúe a construción dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho na marxe dereita en dirección a Marín.
Outra das peticións realizadas polo Bloque pasa pola construción dun miradoiro sobre a ría nos terreos sobrantes entre a PO-546 e a vía do tren. Ademais, tamén demandan solucións para o tráfico de ciclistas debido a que é a única vía que permite o uso destes vehículos entre Marín e a capital.