O Goberno local cre que a Boa Vila vive un "bo momento"
Por Oskar Viéitez
Pontevedra contará en 2020 cos orzamentos municipais máis elevados da súa historia superando os 79,3 millóns de euros.
A Memoria da Alcaldía sinala que "estas Contas municipais son un claro reflexo do bo momento que atravesa a cidade", e xustifica esta conclusión nos últimos indicadores socioeconómicos coñecidos: poboación, turismo, renda media familiar ou dinamismo económico proxectado na construción.
O concello segue mantendo a súa poboación á alza segundo os derradeiros datos do Padrón municipal. E esta tendencia prodúcese nun marco de recesión demográfica en todo Galicia, tanto nas cidades como nas vilas, un grave problema que fire seriamente a economía galega actual e futura se non se lle pon freo. Pontevedra, neste espiñoso marco, foi capaz de manter unha liña ascendente constante nos últimos 20 anos, sendo a poboación máis nova das cidades galegas.
Ademáis dende a Alcaldía salientan que os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) tamén revelan un crecemento substancial da renda media mensual das familias pontevedresas chegando a situarse na primeira posición das sete grandes cidades.
As familias pontevedresas, segundo o IGE, ingresan unha media mensual de 2.468 euros ao mes, situando ao concello por riba dos datos de 2008, momento en que a crise económica golpeou á cidade. "O dato demostra a capacidade de recuperación da nosa sociedade, moderna e adaptada aos tempos", sostén o Goberno local.
Esta "boa saúde económica do concello" tamén se reflicte, engaden, na recuperación e na repunta do sector da construción, un dos históricos sectores estratéxicos en Pontevedra que quedou practicamente destruído durante a crise do 2008. "Evidente é o número de promocións de vivenda colectiva que se empezan a desenvolver na cidade, e que se poden ver en espazos tan emblemáticos como os terreos de Tafisa, nos barrios da Parda ou da Eiriña".
A recuperación do sector leva aparellado a estabilidade da economía local directamente ligada a el, pero tamén repercute nas Contas municipais xa que permite empezar a retomar os ingresos referidos ao cobro de taxas e impostos relativos a esta actividade económica (licenzas, ICIO, IBI...).
Dende a Alcaldía tamén indican que "outro dos aspectos que marcan a boa saúde da economía local e a posición internacional do concello, é o incremento do turismo, especialmente, do internacional". A mesma directora xeral de Turismo da Xunta vén de recoñecer que 120.000 turistas visitaron a cidade nos once primeiros meses de 2019 (a falta de contabilizar decembro). É dicir, un incremento do 13,6% ao respecto do ano anterior, con 25.000 pernoctas, e cun despunte máis que significativo do turismo internacional fixado no 30%. Ademais, confirmaba que Pontevedra era o destino máis desestacionalizado de Galicia.
Para o Goberno local, "sen dúbida, a posición internacional de Pontevedra como cidade de alta calidade urbana e a curiosidade que desperta no exterior contribúe, definitivamente, a potenciar esta evidente tendencia, tendo en conta que a nosa cidade xa está e estará presente na prensa internacional máis prestixiosa como o Financial Times, The Guardian, Le Monde, Le Figaro, Paris Match... entre outras moitas publicacións de distintos puntos do mundo que permiten situala entre as cidades que soan con forza nos foros internacionais".
E nesta "bonanza" da economía local tamén coincide coa menor débeda pública dende que se teñen rexistros. Está fixada en 7,9 millóns de euros e retrotrae ao Concello a mediados dos anos oitenta no que a débeda municipal se refire.
Relacionadas:
-
Promoven un novo centro para a terceira idade con vivendas estilo cohousing na zona de Tafisa
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra traballa nun plan "moi potente" para preparar a cidade para o Xacobeo 2021
Por Alejandro Espiño |
-
O orzamento municipal sairá adiante cun "amplo consenso", a pesar da "oposición destrutiva" do PP
Por Natalia Puga & Anxo Lourido |
-
O pleno para aprobar os orzamentos municipais de 2020 será o 7 de febreiro
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello aumentará o gasto corrente en 2020 para contar con "servizos top"
Por Alejandro Espiño |