Carmela Silva acusa a Rueda de denegar o Grupo de Emerxencias Supramunicipal ao Grove porque goberna o PSOE
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Xunta rexeitou a posibilidade de que O Grove conte cun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), unha demanda que vén realizando polo Concello desde hai moitos anos. O servizo máis próximo na zona é o de Sanxenxo e tardan máis de 20 minutos en atender esta zona.
Este venres, a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva arremetía contra o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, por afirmar que establecer o GES no Grove sería "arbitrario". A presidenta provincial afirmaba que a Deputación leva desde o ano 2017 solicitando á Xunta de Galicia que se incorpore este servizo con dobre sede, en Sanxenxo e O Grove, do mesmo xeito que a Xunta estableceuno en Lalín-A Estrada.
Para Carmela Silva en Lalín-A Estrada levou a cabo esta decisión porque alí gobernaba o PP e se denega ao Grove porque o Concello pertence ao Partido Socialista liderado polo alcalde José Cacabelos.
A presidenta da Deputación insta á Xunta para que este ano 2020 se incorpore o GES no Grove, tal e como avalan os estudos técnicos. "Señor Rueda póñase mans a obra", afirmou para indicar que a Deputación conta con recursos para que se poida implantar ese GES e non entende por que a Xunta non pode facer fronte a este investimento. "Se en lugar da Xunta, fose a Deputación quen dixera que non ten recursos habería unha moción do PP no pleno dicindo que o mundo ía caer", ironizou a máxima representante política da provincia.
RESPOSTA DA XUNTA
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, respondeu a estas declaracións indicando que no seo da Comisión abordaranse a creación de novos servizos e lamenta que un eido tan importante como as emerxencias sexa utilizado con fins políticos por parte da presidenta da Deputación e indicou que no resto das Deputacións non hai ningún tipo de polémicas.
Ademais, afirma que a decisión da ubicación do GES que estaba en Valga e que se traslada ao municipio de Caldas foi tomada de maneira unánime na Comisión, na que están integrados representantes da Deputación de Pontevedra.
Santiago Villanueva lamentou tamén a falta de coñecemento da presidenta da Deputación de Pontevedra porque alega que este tipo de decisións se toman sempre seguindo criterios técnicos, como foi no caso da ubicación do GES en Caldas, gobernado polo PSOE, decisión tomada no seo da Comisión de maneira unánime.
A Xunta de Galicia, remata por sinalar, é consciente da singularidade e especiais necesidades do Concello do Grove na cobertura das emerxencias. Por esa razón, apunta, colaborou varios anos a través dun convenio específico para contribuír a sostemento dun servizo municipal de atención ás emerxencias, xunto ao propio Concello e á Deputación Provincial, que "é a administración competente de acordo coa Lei de Emerxencias". Convenio polo que ten recibido preto de 164.000 euros nos últimos anos, pero que non se puido materializar no último ano por presentar a solicitude fora de prazo, conclúe Villanueva.
Relacionadas:
-
"Sorpresa maiúscula" na Deputación pola decisión da Xunta de situar o GES en Moraña
Por Oskar Viéitez |
-
Manuel Campos di que "a Xunta utiliza as emerxencias como un xoguete político"
Por Redacción |
-
Caldas só adoptará o GES de Valga se o financian os concellos da Mancomunidade do Ulla-Umia
Por Redacción |