Rouban 46 camisetas de deporte, foxen á carreira e intentan ocultarse da Policía nun piso abandonado
Por Natalia Puga
A Policía Local arrestou por un novo roubo con forza o mozo pontevedrés A.P.C., o ladrón adolescente que con tan só 18 anos acumula múltiples antecedentes e esta semana pasara a disposición xudicial por dous delitos contra o patrimonio e ou por outros dous requirimentos que tiña pendente aínda do Xulgado de Menores. Nesta ocasión, arrestáronlle xunto a dous secuaces, un de 19 anos e outro menor de idade, de 17, por roubar nunha tenda de deportes, fuxir á carreira e intentar esconderse da Policía refuxiándose nun piso abandonado.
Os feitos aconteceron na madrugada do 17 de xullo, sobre as 6.30. Unha patrulla da Policía Local foi requirida porque tres mozos estaban a fracturar a lúa do escaparate dunha tenda de deportes de Cobián Roffignac cunha lastra.
Tras varios golpes, lograron rompela, entraron e supostamente leváronse 46 camisetas de distintas marcas e clubs deportivos, algunhas novas valoradas en 50 euros e outras usadas de clubs de baloncesto.
Tras cometer o roubo, os tres supostos ladróns fuxiron do lugar á carreira e unha patrulla policial localizounos no cruzamento entre Padre Gaite e Ferando Olmedo mentres corrían con gran cantidade de roupa na man. Seguíronlles e viron como entraban no portal número 6 de Fernando Olmedo.
Os axentes entraron no inmoble e, cando estaban a subir as escaleiras, sentiron un grande estrondo. No relanzo do primeiro piso viron unha mancha de sangue e unha camiseta deportiva que supostamente acababa de ser subtraída tirada no chan. No segundo piso viron que a porta dunha das vivendas estaba forzada e había manchas de sangue e no interior enxergábanse camisetas tiradas polo corredor e que o piso estaba desocupado.
Co reforzo de máis patrullas, os axentes entraron na vivenda. Todas as portas estaban abertas agás unha. No salón encontraron un mozo cunha ferida no pé dereito e no cuarto coa porta pechado aos outros dous rapaces, tirados na cama, sen camiseta e co resto das pezas supostamente roubadas tiradas no chan.
En total foron localizadas 46 camisetas, os tres rapaces foron detidos e trasladado á Comisaría e o que se encontraba ferido, trasladado ao PAC da Parda para que recibise asistencia sanitaria. Supostamente lesionouse cando entrou a roubar na tenda de roupa cos cristais fracturados da lúa do escaparate.