O ladrón adolescente volve ao xulgado e queda libre por un furto e un roubo en dous coches
Por Natalia Puga
O mozo pontevedrés de 18 anos A.P.C., que nas últimas semanas foi detido por múltiples delitos contra o patrimonio, pasou este mércores, de novo, polo xulgado. Nesta ocasión tras ser arrestado por un delito de roubo con forza no interior de vehículo e outro de furto. Cando foi reclamado pola autoridade xudicial descubriuse que tiña pendentes dous requirimentos do Xulgado de Menores por delitos cometidos antes de cumprir os 18. Despois de varias horas na Parda, quedou, unha vez máis, en liberdade con cargos.
Un dos delitos polos que prestou declaración no xulgado remóntase ao sábado 13 de xullo. A propietaria dun vehículo denunciou que baixara un momento deste sen pechalo con chave e na súa ausencia subtraéronlle diversos obxectos.
Entre os efectos roubados encóntranse un bolso de man valorado en 600 euros, un bolso con roupa e útiles de maquillaxe, un cargador de teléfono móbil, unha carteira valorada en 200 euros, varias tarxetas bancarias e diversa documentación e diñeiro en metálico.
Unha muller deixou o vehículo aberto e subtraéronlle un bolso de 600 euros, roupa, maquillaxe, unha carteira, diñeiro, tarxetas bancarias e documentación
Ao día seguinte, o domingo 14 de xullo, sobre as 18.30 horas, unha veciña de Pontevedra denunciou que cando se dispoñía a recoller o seu vehículo nunha zona de aparcadoiro próxima ao lugar no que se produciu o primeiro furto encontrou no chan un bolso de man cunha carteira no interior con documentación da denunciante inicial e un bolso con roupa e útiles de maquillaxe. Todos estes efectos, propiedade da denunciante, fóronlle entregados polos axentes policiais.
O mesmo domingo, sobre as 19.20 horas da tarde, foi detido o presunto autor do delito de furto. Unha vez na Comisaría vinculóuselle cun roubo con forza no interior dun vehículo denunciado o 11 de xullo.
Este roubo con forza produciuse na rúa Blanco Porto entre os días 10 e 11 de xullo. Cando a propietaria se dispoñía a recoller o seu vehículo comprobou que presentaba o cristal dianteiro fracturado, ao parecer por unha lastra que se encontraba no asento traseiro do coche, e lle subtraeran unha carteira con diversa documentación.
Relacionadas:
-
Rouba, detéñeno, sóltano e volve roubar. Dúas veces nun día
Por Redacción |
-
Rouban 46 camisetas de deporte, foxen á carreira e intentan ocultarse da Policía nun piso abandonado
Por Natalia Puga |
-
Deteñen un pontevedrés de 18 anos con outros dous arrestos en xuño por roubar e danar 20 coches nunha noite
Por Natalia Puga |
-
Sorprenden un mozo cando roubaba nun coche e acúsano doutro delito similar dez días antes
Por Redacción |