O xornalista Xabier Fortes será o pregoeiro da XXIII edición da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis
Por Redacción
A XXIII edición da Festa do Lacón con Grelos que se celebrará en Cuntis o domingo 1 de marzo terá como pregoeiro a Xabier Fortes, xornalista, presentador e un dos máis destacados comunicadores da actualidade.
Así o vén de anunciar o alcalde, Manuel Campos, quen explicou que Fortes aceptou a proposta "e se sentiu encantado de poder prestarlle a súa voz a unha das festas gastronómicas máis importantes da provincia de Pontevedra e de toda Galicia".
O presentador pontevedrés, que actualmente dirixe o programa matinal "Los desayunos de TVE", tomará o relevo de Xosé Antonio Touriñán e engrosará a nómina de pregoeiros deste evento declarado Festa de Interese Turístico de Galicia que se converteu en todo un referente social, etnográfico, cultural e artístico para Cuntis e a súa contorna.
Campos agradeceu a Xabier Fortes a súa "inmellorable disposición" a exercer como pregoeiro da Festa do Lacón con Grelos e mostrouse "orgulloso" de que "unha das grandes voces do xornalismo español, referencia no ámbito da información e a análise política accedese a pregoar esta festa".
Nesta liña, destacou que "ademais de ser un pregoeiro de enorme nivel, que coñece moi ben Cuntis, a presenza de Fortes contribuirá a darlle proxección e prestixio á XXIII Festa do Lacón con Grelos de Cuntis" xa que é "un profesional de recoñecido prestixio moi coñecido e querido en Galicia, que entre moitas outras cousas destaca polo seu compromiso coa pluralidade informativa e a loita contra a manipulación", dixo.
O alcalde tamén avanzou que nesta ocasión se conservará o número de comensais para garantir a calidade de edicións anteriores e que como "previa" da celebración, os días 14, 15 e 16 de febreiro, os locais de hostalería de Cuntis ofrecerán tapas co lacón como protagonista na XI edición do Tapalacón.